Arrincan as obras de mellora da accesibilidade nos pasos de peóns coas que Lara Méndez avanza na consecución dun Lugo cota cero

A área de Benestar Social acometerá nas vindeiras semanas o rebaixe de bordos e a reforma integral de varios cruzamentos da capital, nos que se pretende eliminar a presenza de lastras.

As intervencións obedecen, segundo Olga López Racamonde, ás demandas trasladadas por Auxilia e suporán un investimento municipal próximo aos 36.000 €.

Xoves, 12 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrincan as obras de mellora da accesibilidade nos pasos de peóns coas que Lara Méndez avanza na consecución dun Lugo cota cero

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde, supervisaron hoxe o inicio das obras que, durante as vindeiras semanas, se levarán a cabo en diferentes puntos da capital para mellorar a accesibilidade.

Trátase, fundamentalmente, de pequenas intervencións, que gardan relación co rebaixe dos bordos de varios pasos de peóns e coa remodelación integral doutros.

“Actuacións de pouca envergadura que, pola contra, constitúen un gran avance na supresión de obstáculos dos que derivan limitacións e incomodidades para a cidadanía e cuxa erradicación nos permitirá seguir progresando na consecución dunha mobilidade e un urbanismo máis integradores, en consonancia co noso propósito de alcanzar un Lugo cota cero”, afirmou a rexedora.

Pola súa banda, a edil de Benestar, anunciou que as obras suporán un investimento conxunto próximo aos 36.000 euros. “Traballos que se executarán atendendo ás demandas trasladas pola Asociación Auxilia coa que mantemos un permanente diálogo e colaboración para mellorar aqueles aspectos urbanos que poden condicionar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional”.

Deste xeito, Olga López referiu que nas vindeiras semanas a empresa adxudicataria comezará a reformar os pasos de cebra da rúa Vilalba e Ángel López Pérez, mentres que na rúa do Teatro se eliminará o empedrado existente nos extremos da vía onde se mantén aínda algunha lastra. Actuarase tamén na Rolda da Muralla, na confluencia con Lois Cordeiro e na Avenida da Coruña, a altura do número 85 e nas proximidades de Perpetuo Socorro, unha localización na que, durante o pasado exercicio, xa se corrixiron outros tres rebaixes máis, segundo lembrou a concelleira.

López Racamonde aproveitou tamén para pedir desculpas á cidadanía polas molestias que estas obras poidan xerar durante a súa execución.

A eliminación de barreiras arquitectónicas leva sendo unha constante nas accións do Executivo de Lara Méndez, de xeito que durante os últimos dous mandatos se dotou de elevadores - para corrixir os desniveis de altura existentes - a barrios cunha orografía complexa e cunha alta densidade de poboación como son os de Fontiñas ou o Sagrado Corazón.

Igualmente se foi substituíndo, de forma progresiva, o pavimento da Rolda Muralla por outro que resulta máis cómodo e practicable para o desprazamento de cadeiras de rodas ou carriños de bebés, e actualmente se traballa en corrixir o desnivel existente nas rúas que circundan o centro de saúde de San Roque e tanto na creación de novos espazos ou nos proxectos de reforma de zonas públicas existentes, como as peonalizacións da Mosqueira e de Quiroga Ballesteros ou a eliminación da pasarela de San Roque con Montero Ríos.

Multimedia

  • Arrincan as obras de mellora da accesibilidade nos pasos de peóns coas que Lara Méndez avanza na consecución dun Lugo cota cero

Noticias relacionadas