- Tema

Dentro dos asuntos abordados esta semana na Xunta de Goberno Local outorgáronse varias licenzas urbanísticas entre as que figura unha para substituír, nun centro empresarial do Polígono das Gándaras, o grupo de coxeneración de biodiesel existente por unha instalación térmica composta por cinco caldeiras de combustión de biomasa en forma de pellets, para a produción de auga quente e para a calefación do edificio, cun investimento de 75.000 euros e que deberá materializarse en 12 meses.
Igualmente, aprobáronse sendas solicitudes para proceder, en ano e medio, á instalación dun ascensor nun inmoble residencial na rúa Xulia Minguillón, por un importe de 49.785’71€e para demoler a construción que ocupa o número 20 da rúa San Froilán, que se atopa fóra de ordenación. Unha intervención que terá un custo de 3.568’35€ e un prazo de execución de oito meses.
Así mesmo, foron autorizados cambios de uso dun bloque de apartamentos turísticos en Campo Castelo, que pasarán a ser vivenda ao igual que dúas oficinas dun edificio en rehabilitación da rúa Nova.
E, por outra banda, estimouse a solicitude para bonificar ao 50% a taxa de ICIO xirada pola ampliación de dúas naves para explotación de gando vacún de leite en Santa Cristina, consideradas de Especial Interese polo Pleno do Concello de Lugo o pasado 26 de decembro de 2019.