A área de Medio Ambiente despraza este martes á Cheda un dispositivo intensivo e integral de limpeza

Os traballos continuarán en posteriores xornadas polo centro da cidade.

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, fixo un chamamento á cidadanía apelando ao civismo e ao coidado das dotacións públicas e do mobiliario urbano.

Domingo, 16 de xaneiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O próximo martes a área de Medio Ambiente desenvolverá no barrio de A Cheda un dispositivo “integral e intensivo” de limpeza.

Así, nas vindeiras xornadas os efectivos das empresas encargadas do aseo urbano, o mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – unificarán os seus esforzos nesta contorna para mellorar o seu acondicionamento, sen descoidar o labor ordinario que levan a cabo diariamente.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de área, Miguel Fernández, explicou que o obxectivo desta iniciativa, posta en marcha polo Goberno de Lara Méndez, e que dende o ano pasado se desenvolve en todos os barrios da capital, “é incrementar a eficacia das tarefas de aseo e conservación dos espazos públicos, mellorando a imaxe destas localizacións e a calidade de vida da veciñanza que reside nelas”.

O edil fixo, así mesmo, un chamamento á poboación en prol do civismo, “clave para a convivencia” – sinalou,  apelando á veciñanza a traballar da man para preservar e manter entre todas e todos as dotacións municipais en boas condicións”, concluíu Miguel Fernández.

Logo de que os traballos conclúan neste punto da capital, o dispositivo continuará polo centro da cidade.

Noticias relacionadas