A área de Gobernanza lembra que o período de pagamento voluntario do IBI remata o próximo 20 de xuño

Neste 2022 a Administración local xirará un total de 107.019 recibos por un importe de 22.225.000 € cos que, xunto ao resto de tributos e taxas municipais, o Executivo de Lara Méndez sufragará a prestación de servizos públicos.

Paula Alvarellos convida á cidadanía a consultar as bonificacións á ordenanza entre as que se inclúe un desconto do 50% para as vivendas que, sendo residencia habitual, instalen paneis solares.

Así mesmo, gozarán dunha rebaixa do 95% durante 3 anos aquelas construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades económicas agrarias ou gandeiras.

Venres, 10 de xuño de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Gobernanza lembra que o período de pagamento voluntario do IBI remata o próximo 20 de xuño

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, recordou hoxe á cidadanía que o próximo 20 de xuño conclúe o período voluntario para o pago do IBI.

“Todas aquelas persoas que non teñan domiciliado o Imposto de Bens Inmobles poderán abonalo, segundo as formas de pago recollidas na Ordenanza Fiscal Xeral do Concello de Lugo, ata esa data, dentro do prazo establecido no calendario tributario municipal”, indicou.

Neste 2022 a Administración local xirará un total de 107.019 recibos – 92.176 correspondentes a bens de natureza urbana, e 14.843 de natureza rústica – cuxo importe ascende a 22.100.169 € e e 125.162 €, respectivamente e que o Executivo de Lara Méndez destinará, xunto ao resto de tributos e taxas municipais, a sufragar os diferentes servizos públicos que presta ao conxunto da veciñanza.

A concelleira convidou ás e aos contribuíntes a consultar as bonificacións á Ordenanza, entre as que se inclúe un desconto do 50%, durante tres anos, para as vivendas que, sendo residencia habitual, instalen paneis solares.

“Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto, durante 3 anos, aqueles inmobles nos que estean ubicadas unicamente construcións nas que se desenvolvan total e exclusivamente actividades económicas agrarias ou gandeiras, pertencentes ao sector primario, que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal polo Pleno, por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego, que xustifiquen tal declaración”, abondou.

Alvarellos Fondo animou, igualmente, á poboación a domiciliar os tributos municipais a través da sede electrónica, ”dunha maneira que resulta moito máis áxil e sinxela e que permite simplificar o abono das taxas e tributos locais, en tanto non require da aportación de documentación e permite efectivizar o pagamento con maior inmediatez, evitando recargas non desexadas”, incidiu.

A tenenta de alcaldesa deu conta de que o único requisito imprescindible para empregar este sistema é estar en posesión de certificado dixital e que, para que a domiciliación surta efecto, esta debe realizarse con dous meses de antelación ao inicio do período voluntario de pago, “coa vantaxe engadida de que quen teña o recibo domiciliado pode fraccionar o seu pagamento en dúas veces sen custo engadido”, sinalou.

O texto íntegro da Ordenanza pode consultarse a través da seguinte ligazón: http://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2021/01/ordenanza_fiscal_203_imposto_sobre_bens_inmobles.pdf

Audio

  • Paula Alvarellos, sobre o pagamento voluntario do IBI | Descargar mp3

 

 

Noticias relacionadas