Inicialmente celebraranse nos centros Maruja Mallo e Díaz Castro e se ampliarán ao da Milagrosa en canto rematen as obras de mellora que se están a realizar nas instalacións.
A alcaldesa, Lara Méndez e a edil Olga López convidan ás persoas maiores a recuperar as súas rutinas de socialización e gozar, de novo, deste tipo de xuntanzas.

A concellería de Benestar Social recupera, dende esta fin de semana, os bailes nos centros sociais logo do paréntese que a chegada da COVID -19 supuxo para este tipo de actividades.
O anuncio facíao, esta mañá, a alcaldesa lucense, Lara Méndez durante a visita que, acompañada da edil responsable de área, Olga López Racamonde, fixeron ao centro de convivencia Díaz Castro para compartir cos seus usuarios e usuarias as distintas actividades de animación sociocultural que se levan a cabo no mesmo. Concretamente mantiveron un encontro cos e coas participantes no curso sobre o uso de teléfonos móbiles.
“Trátase dunha nova moi positiva – referiu Méndez - en tanto por unha parte significa que estamos a superar a crise sanitaria, que xa vemos máis próxima a tan ansiada normalidade e, pola outra, porque nos permitirá recuperar esas xuntanzas e volver a esas rutinas que resultan tan importantes na terceira idade para evitar o illamento social do colectivo, logo de dous anos nos que os confinamentos e a obrigada prudencia incidiron directamente sobre a súa vulnerabilidade”.
Pola súa banda, a concelleira indicou que os bailes – nos que se manterán medidas de seguridade, entre elas, o uso obrigatorio da máscara – se celebrarán, precisamente nese mesmo centro, no Díaz Castro e tamén no Maruja Mallo, en horario de 16:30 a 20:00 horas, todos os sábados e domingos. E se retomarán no da Milagrosa unha vez finalicen as obras de mellora que se están acometendo nas dependencias e que actualmente, debido a eses traballos, manteñen restrinxido o seu horario de apertura ás tardes de luns a venres (de 16:30 a 20:00 horas).
Tanto a rexedora como a edil – que anunciou alén que a maioría dos centros volverán abrir as fines de semana polas tardes - aproveitaron para convidar ás persoas maiores a asistir a estas xuntanzas así como a desfrutar do resto da programación, organizada pola área de Benestar, que se imparte en cada un deles.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a recuperación dos bailes de maiores | Descargar mp3