Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > A área de Benestar Social retoma dende esta fin de semana os bailes da Terceira Idade logo de dous anos de pandemia

A área de Benestar Social retoma dende esta fin de semana os bailes da Terceira Idade logo de dous anos de pandemia

Inicialmente celebraranse nos centros Maruja Mallo e Díaz Castro e se ampliarán ao da Milagrosa en canto rematen as obras de mellora que se están a realizar nas instalacións.

A alcaldesa, Lara Méndez e a edil Olga López convidan ás persoas maiores a recuperar as súas rutinas de socialización e gozar, de novo, deste tipo de xuntanzas.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Centros sociais,
    • Programación cultural,
    • Música
Venres, 11 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Benestar Social retoma dende esta fin de semana os bailes da Terceira Idade logo de dous anos de pandemia

A concellería de Benestar Social recupera, dende esta fin de semana, os bailes nos centros sociais logo do paréntese que a chegada da COVID -19 supuxo para este tipo de actividades.

O anuncio facíao, esta mañá, a alcaldesa lucense, Lara Méndez durante a visita que, acompañada da edil responsable de área, Olga López Racamonde, fixeron ao centro de convivencia Díaz Castro para compartir cos seus usuarios e usuarias as distintas actividades de animación sociocultural que se levan a cabo no mesmo. Concretamente mantiveron un encontro cos e coas participantes no curso sobre o uso de teléfonos móbiles.

“Trátase dunha nova moi positiva – referiu Méndez - en tanto por unha parte significa que estamos a superar a crise sanitaria, que xa vemos máis próxima a tan ansiada normalidade e, pola outra, porque nos permitirá recuperar esas xuntanzas e volver a esas rutinas que resultan tan importantes na terceira idade para evitar o illamento social do colectivo, logo de dous anos nos que os confinamentos e a obrigada prudencia incidiron directamente sobre a súa vulnerabilidade”.

Pola súa banda, a concelleira indicou que os bailes – nos que se manterán medidas de seguridade, entre elas, o uso obrigatorio da máscara – se celebrarán, precisamente nese mesmo centro, no Díaz Castro e tamén no Maruja Mallo, en horario de 16:30 a 20:00 horas, todos os sábados e domingos. E se retomarán no da Milagrosa unha vez finalicen as obras de mellora que se están acometendo nas dependencias e que actualmente, debido a eses traballos, manteñen restrinxido o seu horario de apertura ás tardes de luns a venres (de 16:30 a 20:00 horas).

Tanto a rexedora como a edil – que anunciou alén que a maioría dos centros volverán abrir as fines de semana polas tardes - aproveitaron para convidar ás persoas maiores a asistir a estas xuntanzas así como a desfrutar do resto da programación, organizada pola área de Benestar, que se imparte en cada un deles.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a recuperación dos bailes de maiores | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/area-de-benestar-social-retoma-dende-esta-fin-de-semana-os-bailes-da-terceira-idade-logo-de

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/110322_lara_mendez_-_recuperacion_dos_bailes_de_maiores.mp3