O Concello colabora coa Obra Social La Caixa nesta mostra, que pretende dar a coñecer a importancia de conservar os ecosistemas forestais
Instalada na Praza Maior, poderá visitarse ata o 17 de decembro, de luns a venres, de 12:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas
- Tema

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, acompañada polo director da área de negocio de La Caixa en Lugo, José Manuel López, visitaron este martes a exposición El bosque. Mucho más que madera, que acolle dende hoxe a Praza Maior. O Concello colabora coa Obra Social La Caixa na organización desta mostra, que pretende dar a coñecer a importancia de conservar os ecosistemas forestais. Ao acto tamén asistiu a xestora territorial de Galicia e o xestor técnico da Fundación La Caixa, Susan Santos e Jesús Rueda, respectivamente.
No acto, no que tamén estivo presente o comisario desta mostra interactiva, Francisco Javier Gómez, Prieto manifestou a aposta do Concello para crear un Lugo social e territorial máis sostible, a través dunha iniciativa coa que a entidade local quere recuperar unha área de bosque, ou plantar especies autóctonas para o cultivo ou a produción de madeira. Neste senso, a edil avogou “por traballar a prol dunha contorna sostible, no que realidade urbana e rural convivan en harmonía”, ao tempo que lembrou a creación neste mandato da Concellería de Desenvolvemento Sostible, “posta en marcha para conseguir un crecemento equilibrado, racional e sostible”.
Pola súa banda, López agradeceu a colaboración do Concello para poder levar a cabo esta mostra que persegue difundir e dar a coñecer os medios naturais, “unha das liñas de traballo da Obra Social” ao tempo que facía un chamamento ao coidado dos espazos naturais.
Unha mostra con catro apartados diferenciados
A exposición, que leva sete anos recorrendo diferentes puntos do territorio nacional, arranca cunha presentación da organización xerárquica da natureza, dende a biosfera e ecosistemas ata un microsistema do chan dun bosque; para continuar cun apartado dedicado ás árbores e outro ao bosque de España, que inclúe 18 especies das máis representativas do país. Que produtos se extraen e como afecta ao ecosistema a influencia do ser humano segundo o uso que faga del son os temas nos que se centra o último apartado da exposición.
Horarios da exposición
El bosque. Mucho más que madera, unha exposición que supón “a porta de entrada para coñecer o patrimonio forestal da Península Ibérica e porta de saída para coñecer o patrimonio forestal que temos máis preto”, tal e como a definiu o comisario; poderase visitar ata o 17 de decembro, de luns a venres, de 12:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada é totalmente de balde. Poderanse realizar visitas escolares, previa cita ao teléfono 902.906.666 e visitas guiadas de luns a venres, ás 19:00 horas e sábados, domingos e festivos, ás 12:00 e ás 19:0 horas. As visitas guiadas a grupos numerosos realizaranse de luns a venres, de 09:30 a 13:30 horas e de 15:00 a 17:00 horas.
Audio
- Ana Prieto, sobre a exposición El bosque. Mucho más que madera|Descargar mp3