A concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira; e o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; acompañaron a Alvarellos na recepción aos 115 mozos e mozas, e 22 adestradores e adestradoras, que participarán nos Xogos.
As localidades portuguesas de Vila Nova de Famalicão e Braga albergarán, do 30 de xuño ao 5 de xullo, a XV edición dun evento que contará con máis de 2.400 participantes, a cifra máis alta na súa historia.
“Esta proba é unha gran oportunidade para demostrar a fortaleza do tecido asociativo deportivo lucense, así como a aposta que facemos dende o Goberno Local para impulsar actividades que fomenten os hábitos saudables entre a mocidade”, subliñou o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos
“Non teño dúbida de que seredes uns excelentes embaixadores e embaixadoras da cidade e que amosaredes que Lugo é deporte pola calidade dos seus clubs e deportistas pero, sobre todo, polos valores que representan”, asegurou a rexedora antes de que a expedición partise cara Portugal.
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, a concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira; e o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; recibiron hoxe aos 115 deportistas e 22 adestradores e adestradoras que representarán ao Concello de Lugo nos Xogos do Eixo Atlántico. A rexedora, que lle desexou sorte aos mozos e mozas antes de partir á sede da competición, manifestou a súa confianza en que serán uns “excelentes embaixadores e embaixadoras da cidade, que amosarán que Lugo é deporte pola calidade dos seus clubs e deportistas pero, sobre todo, polos valores que representan”.
A XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico se desenvolverá, do 30 de xuño ao 5 de xullo, nas localidades portuguesas de Vilanova de Famalicão e Braga e contarán con máis de 2.400 participantes, a maior cifra rexistrada na súa historia. O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, destacou a cita como “unha excelente oportunidade para demostrar a fortaleza do tecido asociativo deportivo lucense, así como a aposta que facemos dende o Goberno local para impulsar actividades que fomenten os hábitos saudables entre a mocidade”. Bustos puxo en valor a proba como “un evento deportivo único en Europa que ten un importante efecto na consolidación das ligazóns da cidadanía e os concellos que integramos a Eurorexión do Eixo Atlántico”. O concelleiro destacou tamén “a importancia que teñen este tipo de experiencias para o desenvolvemento persoal dos mozos e mozas, polo intercambio cultural que supoñen e a oportunidade de compartir vivencias con persoas da súa idade de outras vilas e cidades de Galicia e o Norte de Portugal”.
O equipo do Concello de Lugo participará nun total de seis disciplinas (atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol 7, natación e voleibol) para as que contará cun total de 115 deportistas e 22 adestradores e adestradoras. Os horarios dos diferentes eventos, os resultados, así como as transmisións en directo das probas, poderán seguirse na páxina web oficial desta XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico: https://www.famalicaodesportivo.pt/_xv_jogos_do_eixo_atlantico


