A Alcaldesa de Lugo pon en valor no Día de Europa a aposta da UE pola transición ecolóxica e dixital, eixos do seu modelo de cidade

Lara Méndez leu un manifesto en conmemoración do aniversario da histórica Declaración de Shuman, de 1950, tralo cal sonou o himno europeo e izouse a bandeira comunitaria.

A programación, posta en marcha pola oficina municipal Europe Direct, incluíu, así mesmo, a actuación dun DJ, talleres infantís, mesas informativas e sorteos de agasallos.

Tamén se fixo entrega dos premios do certame de fotografía Cidadanía Europea en Galicia organizado conxuntamente polos centros de información europea de Lugo e A Coruña.

Martes, 09 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa de Lugo pon en valor no Día de Europa a aposta da UE pola transición ecolóxica e dixital, eixos do seu modelo de cidade

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes nos actos con motivo do Día de Europa, organizados polo centro municipal Europe Direct Lugo, para conmemorar o aniversario da histórica Declaración de Shuman, asinada en 1950. Durante o evento, a rexedora pronunciou un manifesto, en nome do Concello, no que aludiu á firme aposta da Unión pola transición ecolóxica e dixital, especialmente a través dos fondos de recuperación Next Generation.

Neste senso, Méndez lembrou que “a Unión Europea aprobou o maior plan de recuperación económica e social da nosa historia, baseado na transición ecolóxica e dixital. O Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, xunto cos fondos Next Generation, bríndannos unha oportunidade única para transformar as nosas sociedades e economías de maneira inclusiva, sostible e con visión de futuro”.

“En Lugo xa fixemos avances significativos na utilización e execución destes fondos europeos, cun enfoque dirixido ao maior benestar dos nosos cidadáns e cidadás”, lembrou a rexedora quen citou algúns exemplos como “o investimento en proxectos de enerxías renovables, que reducirán a nosa dependencia dos combustibles fósiles e axudarannos a cumprir os nosos obxectivos climáticos; tamén investimos en infraestruturas de transporte público, como carrís bici e sendas peonís; e, en materia de lecer, recentemente inauguramos as Caldas do Miño”.

“Cos fondos europeos que xestionamos dende o Concello, e baixo a estratexia Life Lugo+ Biodinámico, tamén avanzamos na creación do primeiro Barrio Multiecolóxico de España, coa construción da súa semente, o edificio Impulso Verde”, indicou Méndez, quen subliñou que “estas iniciativas non só son importantes para a nosa comunidade local, senón tamén para o proxecto europeo en xeral, xa que traballamos xuntos para construír un futuro máis sostible e próspero”.

“Con todo, -apuntou a rexedora- debemos recoñecer que as transicións ecolóxica e dixital e a recuperación económica tras a crise sanitaria, polas que aposta a Unión Europea, non poden lograrse á marxe doutros aspectos importantes que tanto nos preocupan na actualidade, como o conflito en Ucraína; un país que comparte os nosos valores e aspiracións, un país que merece o noso apoio e solidariedade”.

Finalmente, a alcaldesa destacou a importancia da Presidencia española no Consello da Unión Europea, que terá lugar durante o segundo semestre deste ano 2023. “Esta Presidencia ofrece unha oportunidade especial para que España lidere a promoción destes valores e aborde os retos aos que nos enfrontamos. Estou firmemente convencida de que España saberá aproveitar esta presidencia para impulsar unha maior cooperación, solidariedade e progreso dentro do proxecto europeo”.

Trala lectura do manifesto tivo lugar o izado da bandeira comunitaria ao son do himno europeo (Novena Sinfonía de Beethoven), da man da escola de danza lucense Star Dance, como símbolo de achegamento e irmandamento de todos os pobos da Unión Europea. No acto institucional, que tivo lugar diante da Casa Consistorial, tamén participaron concelleiros e concelleiras da corporación municipal.

Seguidamente. tivo lugar a entrega de premios do X Concurso de Fotografía Cidadanía Europea en Galicia posto en marcha polos centros Europe Direct Lugo e Europe Direct A Coruña, que este ano cumpriu a súa décima edición baixo o título “Unha viaxe pola Unión Europea”. Os gañadores foron Iago Xustáns (1º premio) coa fotografía “Coñecendo Europa”, que recibiu unha cámara fotográfica; e Carolina Yáñez (2º premio) coa fotografía “Pensar Europa”, que recibiu unha táblet.

Ao longo da tarde, celebráronse un amplo abano de actividades como sesións de música en directo, obradoiros para os nenos e nenas, así como mesas informativas sobre os proxectos europeos na cidade de Lugo, instaladas na Praza Maior, e un sorteo de agasallos.

Multimedia

  • A Alcaldesa de Lugo pon en valor no Día de Europa a aposta da UE pola transición ecolóxica e dixital, eixos do seu modelo de cidade
  • A Alcaldesa de Lugo pon en valor no Día de Europa a aposta da UE pola transición ecolóxica e dixital, eixos do seu modelo de cidade
  • A Alcaldesa de Lugo pon en valor no Día de Europa a aposta da UE pola transición ecolóxica e dixital, eixos do seu modelo de cidade

Noticias relacionadas