A Alcaldesa dá a benvida aos estudantes universitarios internacionais do Campus de Lugo

Lara Méndez fixo fincapé na importancia dos intercambios estudantís entre universidades de distintos países para coñecer outras culturas e outros países

Mércores, 14 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa dá a benvida aos estudantes universitarios internacionais do Campus de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deulle a benvida este mércores, no Salón de Plenos, aos estudantes universitarios internacionais que cursarán durante este curso académico os seus estudos no Campus lucense.

No acto, no que tamén estivo presente o Vicerreitor de Coordinación do Campus lugués, Javier Bueno, a rexedora fixo fincapé na importancia dos intercambios estudantís entre universidades de distintos países para coñecer outras culturas e outros países. Nesta liña subliñou a importancia do campus para Lugo, e de Lugo para o campus.

Lara Méndez convidou aos alumnos a que aproveiten ao máximo este intercambio, que amplíen os seus coñecementos e que aproveiten para coñecer e gozar de Lugo. Así mesmo pediulles que dende hoxe se sintan integrados tanto na USC, como na cidade, “que é a vosa, porque enriquecedes tanto o sistema educativo como ao propio Lugo. A partir de hoxe seredes uns embaixadores máis de Lugo”.

Previamente, Méndez e Bueno participaran no Welcome Day que a USC lle organizou aos alumnos na Casa do Saber, nun encontro no que tamén estaba presentes a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, e o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos.

Participaron boa parte dos preto de cen estudantes internacionais procedentes de vinte países de Europa (Portugal, Italia, Reino Unido, Romanía, Irlanda, Polonia, República Checa e Turquía), América (México, Colombia, Perú, Venezuela, Ecuador, Arxentina, Brasil, Chile) e Asia (Tailandia, Palestina, China e Paquistán), ademais de preto de vinte alumnos de intercambio chegados doutras universidades españolas.

Multimedia

  • A Alcaldesa dá a benvida aos estudantes universitarios internacionais do Campus de Lugo

Noticias relacionadas