Encontro fructífero cos principais promotores de obras na cidade, que permitiu explicar proxectos para impulsar o urbanismo municipal, e de xeito especial no centro histórico.
Paula Alvarellos destaca que no 2024 concedéronse 256 licenzas; 188 novas vivendas; e 1.821 comunicacións previas, o que supón unha inversión para Lugo de máis de 100 millóns de euros”.
A rexedora lembrou que “só no que levamos de mes tramitáronse licenzas por valor de 8,3 millóns de euros para promocións de vivendas e outros proxectos claves para Lugo”.
A alcaldesa destacou que “se está a avanzar cara ao dinamismo urbanístico coa incorporación de máis persoal ao servizo municipal e coa axilización da tramitación”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, ven de celebrar unha reunión coa directiva e con socios da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, APEC, no que estiveron presentes unha ducia dos principais promotores que desenvolven obra en Lugo, co obxectivo de resolver dúbidas, atender as demandas dos construtores, explicar os cambios experimentados nos últimos meses e os proxectos máis inmediatos para avanzar cara ao desenvolvemento urbanístico que está a experimentar a cidade.
Tanto a alcaldesa como o presidente da APEC, José Manuel Rodríguez Espiñeira, coincidiron ao destacar o impulso experimentado nos últimos meses no servizo municipal de Urbanismo. “Conseguimos avanzar cara a un dinamismo urbanístico, conscientes de que é clave para o crecemento equilibrado de Lugo, reforzando os servizos municipais e impulsando a axilización da tramitación, especialmente na concesión de licenzas”, sinalou a alcaldesa. O presidente dos constructores lucenses tamén se referiu a este aspecto e comentou que “o incremento do número de licenzas é unha realidade que está aí; tamén houbo cambios positivos na atención presencial e consideramos moi importante as modificacións puntuais do Plan Xeral en cuestións como as alturas, por exemplo”.
Á reunión cos grandes promotores e coa directiva da APEC asistiu ademais o director xeral de Urbanismo, Hipólito Pérez; a xefa do Servizo de Arquitectura, Patricia Vázquez, e a arquitecta municipal, Susana Penedo. Todos eles, xunto á alcaldesa, fixeron balance dos cambios introducidos nesta área municipal no último ano, coa incorporación de máis persoal, e coa modificación na tramitación, co obxectivo de axilizar os procesos e simplificar os procedementos, permitindo por exemplo que as licenzas de obra menor de ata 300.000 euros se resolvan sen necesidade de ir á Xunta de Goberno Local. A rexedora puxo en valor esta e outras melloras que repercuten nunha tramitación máis áxil e cunha maior seguridade xurídica, como o proba, sinalou, “o feito de que hai uns días aprobáronse licenzas por valor de 1,4 millóns de euros, para distintas obras e promocións, ou que a semana pasada se concederan licenzas por máis de 6,9 millóns de euros”. Neste sentido, Paula Alvarellos fixo fincapé en que “en 2024, se concederon 256 licenzas; 188 novas vivendas; e se informaron favorablemente 1.821 comunicacións previas para reformas en vivendas e naves. Todo isto supón unha inversión na cidade de máis de 100 millóns de euros”.
No transcurso da reunión, se informou aos promotores de que se están a tramitar oito sectores de solo, co desenvolvemento de 650.000 metros cadrados de novo solo industrial en zonas claves da cidade e doutros máis de 100.000 metros cadrados de novo solo residencial. Os construtores tamén mostraron moito interese polas actuacións para impulsar o desenvolvemento do centro histórico de Lugo, de aí que se lles explicasen os cambios que introducirá a futura Ordenanza Reguladora do deber de Conservación e Rehabilitación das Edificións, - actualmente está en fase de redacción e moi avanzada-, e que permitirá entre outras cousas evitar a proliferación de inmobles degradados na cidade, e de xeito especial, no centro histórico.
Este primeiro encontro foi o primeiro de varios que a alcaldesa quere manter coa APEC, tanto cos promotores, como cos constructores dedicados a obra pública, edificación privada e rehabilitación. A esta primeira reunión acudiron os principais promotores con obras na capital lucense, que tamén falaron de posibles vías de colaboración entre a citada asociación e o Concello de Lugo para, por exemplo, evitar as baixas temerarias de empresas en obras públicas, mediante a creacións de UTES; impulsar a rehabilitación no centro histórico por parte de promotores privados interesados, a través da citada ordenanza; ou desenvolver iniciativas conxuntas para paliar un dos principais problemas aos que se enfronta o sector, como é a falta de empregados cualificados para traballar na construción.
Tal e como explicou José Manuel Rodríguez Espiñeira, na actualidade a APEC conta cunhas 800 empresas de construción, promoción, edificación e rehabilitación, que agrupan a uns 3.000 traballadores e traballadoras de toda a provincia.



