Adxudicadas as obras de derruba da lavandería do Cuartel de San Fernando, que comezarán a finais de mes

O proxecto impulsado polo Goberno, cun orzamento de 15.000€ e un prazo de execución dun mes, poñerá a disposición dos lucenses e visitantes un novo espazo público no centro da cidade, a carón dun dos seus edificios máis emblemáticos

Xoves, 02 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Adxudicadas as obras de derruba da lavandería do Cuartel de San Fernando, que comezarán a finais de mes

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, informou este xoves de que a Mesa de Contratación vén de seleccionar á empresa Mantenimiento Forestal SL para a execución das obras de derruba da lavandería do Cuartel de San Fernando e o acondicionamento do espazo resultante por presentar, con preto de 15.000 euros, a oferta economicamente máis vantaxosa das sete rexistradas. O edil estima que os traballos, cun prazo de execución dun mes, poidan comezar a finais deste novembro, unha vez que se tramiten a dirección de obra e o plan de seguridade e saúde.

O proxecto impulsado polo Goberno, que redactou a empresa municipal EVISLUSA, consiste na demolición completa do anexo coñecido como lavandería e a galería de comunicación deste co edificio do antigo Cuartel e, posteriormente, unha vez realizadas as tarefas de desentullo e limpeza, na explanación, nivelación e acondicionamento da totalidade da parcela, “que se converterá nun novo espazo público para o uso e goce dos lucenses e visitantes, en pleno centro da cidade, ao carón dun dos edificios máis emblemáticos que temos en Lugo”.

O edificio a demoler, situado na parte oeste do Cuartel, a que dá á Rúa Quiroga Ballesteros, é de planta cadrada e conta con planta baixa, primeira e baixo cuberta. Ten unhas dimensións de 8,53 por 8 metros e está situado nunha parcela de 947 metros cadrados, sensiblemente rectangular. O devandito anexo está comunicado coa edificación principal por un corredor duns 4,65 metros de longo, a unha altura de 7,5 metros.

Segundo figura no proxecto, o novo espazo público de esparexemento ao carón do Cuartel de San Fernando acondicionarase con grava en distintos tons de gris, céspede e lastras, e contará cunha vintena de bancos.

“Optamos por unha solución sinxela, posto que prevemos un uso provisional ata a rehabilitación do Cuartel como Museo da Romanización, polo que seguimos apostando”, explicou Piñeiro, quen destacou así mesmo que todos os pavimentos e acabados “drenan, o que evita a necesidade de canalizar as auga superficiais co fin de favorecer o aforro enerxético e a sustentabilidade ambiental”.

Máis info

Audio

  • O concelleiro Daniel Piñeiro sobre as obras de derruba da lavandería do Cuartel de San Fernando | Descargar mp3

Noticias relacionadas