ACADAR ofrecerá mañá un relatorio no Vello Cárcere para visibilizar as distintas formas de violencia cara as mulleres con discapacidade

Ana Abelleira, Mónica Álvarez e Lolo Celeiro presentaron a actividade, enmarcada no calendario da programación do 25N. Será a partir das 19:30 horas, no patio central deste centro sociocultural

O Concello colabora con ACADAR nesta iniciativa, que busca promover a toma de consciencia das distintas experiencias que viven as mulleres con discapacidade no día a día

Ana Abelleira achegouse hoxe ao IES Ánxel Fole, onde o alumnado participa nunha innovadora actividade de prevención de violencia de xénero na mocidade

Luns, 19 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
ACADAR ofrecerá mañá un relatorio no Vello Cárcere para visibilizar as distintas formas de violencia cara as mulleres con discapacidade

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez, e o presidente de COGAMI, Lolo Celeiro, presentaron este luns o relatorio Visibilizar o invisible. Distintas formas de violencia cara as mulleres con discapacidade. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do calendario da programación para conmemorar o 25 de Novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, que terá lugar mañá, 20 de novembro, a partir das 19:30 horas, no patio do Vello Cárcere.

O Concello colabora con ACADAR nesta iniciativa, que busca promover a toma de consciencia das distintas experiencias que viven as mulleres con discapacidade no día a día. Reflexionarase sobre o procedemento de empoderamento para a toma do control das súas propias vidas dun xeito autónomo e satisfactorio, ademais de visibilizar os distintos tipos de violencia que se poden exercer sobre elas e os indicadores que facilitan unha maior sensibilización ante estas realidades.

Creando igualdade no IES Ánxel Fole

Os rapaces e rapazas do instituto Ánxel Fole puideron participar nunha innovadora actividade promovida polo Concello e a asociación sen ánimo de lucro Social Open Lab en colaboración con ComunicArte. Ana Abelleira achegouse ao centro, onde durante todo o día de hoxe deixaron o alumnado deixou de ser estudante do centro educativo para porse na pel dos creativos publicitarios responsables das campañas de prevención de violencia de xénero na mocidade.

Desta forma, con motivo da celebración do Día contra a violencia de xénero o 25 de novembro, estes mozos e mozas lucenses están a desenvolver a súa propia campaña que será presentada o vindeiro luns 26 de novembro dentro dos eventos organizados polo centro para conmemorar o día.

O proxecto Creando Igualdade é unha proposta de creación colectiva e particpativa onde os alumnos aprenden a desenvolverse no eido dos medios de comunicación e a publicidade dende un punto de vista crítico e divertido, xa que eles son os creadores e os responsables de lanzar unha mesaxe.

Social Open Lab e unha entidade sen ánimo de lucro que dende 2010 leva a cabo proxectos de innovación educativa, analizando os medios de comunicación e fomentando a creación participativa.

Multimedia

  • ACADAR ofrecerá mañá un relatorio no Vello Cárcere para visibilizar as distintas formas de violencia cara as mulleres con discapacidade

Noticias relacionadas