50 alumnos do CEIP Menéndez Pelayo participan na replantación de abetos de Nadal nunha parcela municipal no polígono do Ceao

Con esta iniciativa o Concello deulle unha nova vida ás árbores, ao tempo que sensibilizou ao alumnado sobre o respecto polo medio ambiente e o seu coidado.

Lara Méndez agredeceu aos rapaces e rapazas a súa “inestimable colaboración” e anuncioulles que se instalará unha placa conmemorativa para lembrar a acción.

Xoves, 02 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
50 alumnos do CEIP Menéndez Pelayo participan na replantación de abetos de Nadal nunha parcela municipal no polígono do Ceao

Un grupo de 50 nenas e nenos do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, acompañados de catro mestres, participaron este xoves na actividade organizada pola concellería de Medio Ambiente, para replantar os últimos abetos que o Concello repartiu entre os comerciantes adscritos á estratexia Localmente Lucense durante o Nadal, coa finalidade de sensibilizar aos cativos no coidado do medio ambiente.

“Tralo Nadal, recollemos os abetos dos comercios que optaron por non quedarse con eles e iniciamos a súa replantación nunha parcela municipal situada no Ceao, co propósito de que poidan continuar a súa vida, permanecendo baixo os coidados dos xardineiros municipais”, explicou a alcaldesa, Lara Méndez, quen subliñou que, “este xoves quixemos convidar a un grupo de escolares de sexto de primaria para finalizar esta acción, replantando os últimos dez abetos que faltaban”.

A rexedora subliñou que “deste xeito buscamos sensibilizar ao alumnado sobre o respecto polo entorno e o seu coidado e axudarlles a tomar conciencia sobre a importancia de protexer os nosos recursos naturais”.

A xornada –na que tamén participaron o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira– comezou cunha charla no salón de actos do CEI Nodus, na que Méndez lles falou aos nenos e nenas da importancia de que, dende pequenos, coiden o medio ambiente, ao tempo que agradeceu aos cativos e cativas a súa “inestimable colaboración” e avanzoulles que o Concello instalará unha placa conmemorativa na parcela para deixar constancia da súa contribución, a través desta acción.

A continuación, os alumnos e alumnas de sexto de primaria acudiron á parcela municipal, situada na Rúa da Agricultura, xunto ao campo de béisbol, onde realizaron unha plantación de varios destes abetos, aos que quixeron bautizar poñéndolles nome a cada un dos dez exemplares. Todos os nenos e nenas, de once anos, recibiron agasallos en agradecemento da súa colaboración.

En total foron máis de 200 abetos os que se replantaron na mencionada parcela, configurando así un novo espazo verde neste polígono industrial para disfrute da cidadanía e que, ao mesmo tempo, contribuirá a reducir a pegada de carbono.

Campaña de Nadal

Coa distribución destas árbores, o Concello buscou, no marco da campaña Nadalmente Lucense, fomentar o negocio de proximidade durante a época navideña, facendo os establecementos máis agradables cunha decoración natural e típica desas datas, seguindo o modelo de cidade verde e sostible no que está a traballar o executivo municipal.

Noticias relacionadas