130 cabalos participan esta fin de semana no IX Concurso de Pura Raza puntuable para o Campionato Nacional de Equigal

Tendo en conta a participación da semana pasada a previsión é que supere os 15.000 visitantes, e unha previsión económica de recadación de 500.000 euros

Xoves, 02 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
130 cabalos participan esta fin de semana no IX Concurso de Pura Raza puntuable para o Campionato Nacional de Equigal

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García, e o Xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, Rubén López, presentaron este xoves as actividades da IX edición de Equigal, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo dende o 3 ata o 5 de xuño.

Daniel Piñeiro apoiou o desenvolvemento deste Salón Internacional do Cabalo e lembrou que durante esta fin de semana hai reservadas preto de 400 prazas hoteleiras na cidade. “A celebración deste evento serve tamén para promocionar a nosa cidade, crear riqueza e impulsar a nosa economía. Esta nova edición de Equigal pon a Lugo no mapa das celebracións equinas”.

García Porto asegurou que Equigal 2016  “xa se converteu nun verdadeiro referente para os afeccionados ao mundo do cabalo, un sector tan importante na nosa provincia”. A Deputada sinalou que este Salón continua coas súas actividades, xa que esta fin de semana poderán gozar do IX Concurso Morfolóxico e Funcional de Pura Raza Español no que participarán máis de 130 cabalos de 44 ganderías, 30 delas galegas. Unha proba de máxima categoría clasificatoria para o Campionato de España, e que segue sendo un referente nesta competición”.

A Deputada remarcou que a o organización ten prevista unha participación neste evento de mais de 6.000 persoas, que xunto ás que asistiron na pasada fin de semana, van a chegar a ser máis de 15.000 visitantes. Por iso, aproveitou esta ocasión para felicitar  aos organizadores deste evento. “Equigal hoxe é un gran escaparate para o ocio, para divertirse coas familias e para dinamizar o tecido económico da nosa provincia”. Sinalou que a propia organización xa superou as expectativas económicas, que van a chegar a recadar os 500.000 euros, superando os 300.000 previstos.

6 cabalos que son campións do mundo

Pola súa banda, Rubén López agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores e, en especial, a da Deputación de Lugo, e destacou o gran nivel dos participantes nas competicións, e tamén a gran asistencia de visitantes. “Cada ano comprobamos como medra esta Feira, xa que superamos as nosas expectativas e esperamos contar con moita afluencia de público para esta nova xornada”. Dixo que se incrementou nun 30 % a participación dos cabalos con respecto a outros anos, e remarcou que na proba do Concurso de Pura Raza participan 6 cabalos que son campións do mundo. De xeito anecdótico, sinalou que por primeira vez participa neste evento a eguada do xogador de fútbol, Sergio Ramos, que leva por nome SR4.

Tamén anunciou que as instalacións do Pazo abrirán de xeito ininterrompido dende ás 9:00 horas ata as 22:00 horas da noite.

Programa

O Salón Internacional de Galicia continua a súa celebración co IX Concurso Morfolóxico e Funcional de Pura Raza Español, que segue sendo un referente en toda España. O domingo 5 de xuño celebrarase, a partir 17:30 horas, unha das catro probas oficiais de Enganches Indoor que organiza a Federación Hípica Galega e no que participan 20 cabalos. Esta proba consiste en realizar unha serie de exercicios en coche de cabalos. Estas competicións son moi concorridas, xa que os cabalos realizan probas que deixan unhas imaxes espectaculares.

Nesta xornada, pola tarde, tamén haberá un espectáculo de doma de cabalos de Pura Raza Galega no que participarán 12 cabalos, un evento dirixido pola Asociación de criadores de Pura Raza Galega.

Espazo para a solidariedade

En Equigal haberá outras novidades como actividades de ocio, cultura e concienciación social. Os mais novos poderán gozar do seu bautismo hípico, e os maiores poderán visitar stands de artesanía. Para rematar nesta novena edición haberá tamén un espazo para a solidariedade, xa que participarán diversas entidades sociais para recadar fondos para os seus usuarios.

Equigal realizará a doazón da recadación integra pola venda das entradas á Fundación de Dano Cerebral (FUDACE).

Noticias relacionadas