O Concello asina o contrato para ampliar o parque infantil de Albeiros

Trátase dunhas tarefas que, previsiblemente, comezarán entre esta e a vindeira semana, cun orzamento duns 67.400 euros e un prazo de execución de 60 días

Con esta intervención, a entidade local dotará ás veciñas e veciños máis novos dun mellorado espazo de lecer, con máis comodidade e seguridade

Luns, 22 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo formalizou recentemente o contrato coa empresa que subministrará e instalará os novos elementos de xogos infantís e que desenvolverá as obras de pavimento continuo de seguridade no Parque de Albeiros. Trátase dunhas tarefas que previsiblemente, comezarán entre esta e a vindeira semana, cun orzamento duns 67.400 euros e un prazo de execución de 60 días.

Deste xeito o Concello da resposta a unha importante demanda da cidadanía, pois a gran afluencia de nenos e nenas, coas súas familias, fai que a zona actual do recinto se quede pequena. Con esta intervención, a entidade local dotará ás veciñas e veciños máis novos dun mellorado espazo de lecer, con máis comodidade e seguridade.

As tarefas consisten en ampliar a zona de xogos existente, tanto na parte para nenos de 0 a 3, como na destinada aos de maior idade. Incluiranse xogos como un circuíto de habilidades, columpios, carrusel xiratorio inclusivo ou unha casiña de xogos con paneis didácticos, entre outros. Tamén se procederá, a maiores, á mellora  do espazo de lecer existente, coa reparación do pavimento e do céspede artificial, a colocación dunha valla de madeira e o acondicionamento e repintado dos propios xogos.

Noticias relacionadas