A Concellería de Movementos Migratorios impulsa unha charla informativa sobre o proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes

A sesión terá lugar o sábado 28 de febreiro, ás 19.00 horas, na Casa das Asociacións Mariá Mariño.

A iniciativa organízase en colaboración coa Asociación Rioplatenses de Lugo e a Asociación de Venezolanos en Lugo (VENELUGO).

“O obxectivo é ofrecer información rigorosa, contrastada e resolver dúbidas fronte á desinformación”, sinala o concelleiro Waldir Sinisterra.

Xoves, 19 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Concellería de Movementos Migratorios impulsa unha charla informativa sobre o proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes

A Concellería de Movementos Migratorios do Concello de Lugo celebrará unha charla informativa sobre o proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes anunciado polo Goberno de España, presentada hoxe en rolda de prensa, que terá lugar o sábado 28 de febreiro, ás 19.00 horas, na Casa das Asociacións Mariá Mariño. A sesión, organizada en colaboración coa Asociación Rioplatenses de Lugo e a Asociación de Venezolanos en Lugo (VENELUGO), ten como finalidade achegar información clara, veraz e actualizada á veciñanza interesada.

Durante a súa intervención, o concelleiro de Movementos Migratorios, Waldir Sinisterra, explicou que a iniciativa xorde ante a necesidade de ofrecer un espazo informativo rigoroso, especialmente nun contexto no que circula abundante información incorrecta ou incompleta. O edil subliñou que é fundamental actuar con cautela e responsabilidade institucional, á espera de contar con todas as certezas xurídicas unha vez que se publique o Real Decreto no Boletín Oficial do Estado, que será o que defina con precisión os parámetros do proceso.

Sinisterra indicou que, ata ese momento, a información dispoñible procede das comunicacións oficiais do Ministerio, polo que resulta esencial evitar especulacións e expectativas infundadas. “Queremos que as persoas conten con datos fiables e contrastados, que saiban que requisitos se están a manexar e cales son os prazos orientativos, pero sempre deixando claro que haberá que agardar ao marco normativo definitivo”, sinalou, insistindo na importancia de combater a desinformación interesada que xera confusión e preocupación innecesaria.

A charla permitirá abordar cuestións como os requisitos xerais que se están a valorar para acceder á regularización, entre eles a acreditación dunha permanencia continuada en España durante un período mínimo previo ao 31 de decembro de 2025 e a ausencia de antecedentes penais, así como os prazos nos que previsiblemente se abrirá o proceso de solicitude. Tamén se explicará como esta medida se integra nunha estratexia máis ampla de política migratoria orientada a garantir dereitos, seguridade xurídica e integración social e laboral.

A actividade está dirixida a persoas interesadas en coñecer de primeira man a información dispoñible e contará cun espazo para formular preguntas e expor dúbidas. Para unha mellor organización, será necesaria inscrición previa, que poderá realizarse a través do mail  rioplatensesdelugo@hotmail.com o teléfono 663 92 01 49 ou chamando ao 010.

Desde a Concellería de Movementos Migratorios ponse en valor a colaboración co tecido asociativo da cidade como un elemento clave para achegar información útil, rigorosa e accesible á cidadanía, reforzando así o carácter próximo, participativo e de servizo público desta iniciativa.

Multimedia

  • A Concellería de Movementos Migratorios impulsa unha charla informativa sobre o proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes
  • A Concellería de Movementos Migratorios impulsa unha charla informativa sobre o proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes

Noticias relacionadas