A edil de Muller e Igualdade presentou un amplo programa co que “imos dar visibilidade a científicas que son referentes e co que pretendemos cuestionar os roles de xénero”.
“Haberá actividades para nenas e nenos de 6 a 11 anos, coas que abordar a historia da ciencia, os seus estereotipos e a igualdade de oportunidades neste ámbito”.
Ángeles Novo presentou os obradoiros con legos; a charla de Cintia Folgueira; unha mostra de debuxo no Cei-Nodus; o xogo cientificartas e a celebración dun curso de gastronomía sen glute.

A Concellería de Muller e Igualdade conmemorará o Día Internacional da muller e da nena na ciencia cun amplo programa de actividades, que inclúe obradoiros, xogos, cursos, exposicións e conferencias, coas que “romper estereotipos, fomentar vocacións, cuestionar os roles de xénero nestas profesións e tamén salientar o traballo de mulleres que foron e son referentes neste campo”, explica a responsable desta área municipal, Ángeles Novo.
Dirixido a nenas e nenos, de 6 a 11 anos de idade, os obradoiros desenvolveranse no centro de Convivencia Maruja Mayo e na aula do Aprende Xogando do Parque da Milagrosa, os días 11 e 12 de febreiro, uns talleres nos que se traballará con legos, para falar de mulleres científicas, que son referentes neste ámbito ademais de romper estereotipos e cuestionar os roles de xénero. Por outra banda, o programa para conmemorar esta data inclúe ademais unha exposición de debuxos e collage de escolares, que se presentará nas instalacións do Cei-Nodus o día 11, e que poderá verse durante un mes, no que os traballos amosarán a visión do que é para as e os cativos unha muller científica. O programa presentado hoxe tamén inclúe a celebración dun curso de gastronomía sen glute, que impartirase no restaurante Os Cachivaches, o vindeiro día 10, en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia.
O traballo en coordinación cos colexios e institutos é un dos eidos nos que céntrase este programa. Por iso, se levará a cabo un reparto en centros educativos do xogo e do libro “cientificartas”, ademais de celebrar unha charla da científica lucense Cintia Folgueira, o mesmo día 11 pola mañá, que se celebrará no salón de actos da Deputación de Lugo, e á que se invitará a estudantes de 3º e 4º da ESO dos institutos da cidade.
Para a edil de Muller e Igualdade, “con este tipo de actividades queremos non só abordar a historia da ciencia e dar visibilidade ás mulleres que foron e son referencia neste ámbito, senón que buscamos que os nenos e nenas se cuestionen os roles de xénero na ciencia, fomentar a igualdade de oportunidade para todos e todas, e facelo mediante o xogo, o debuxo ou co achegamento a científicas lucenses que están a xogar un papel clave no eido da ciencia a nivel internacional”.
Ángeles Novo fixo fincapé neste aspecto, xa que “tamén temos que contribuír a eliminar o prexuízo de que a ciencia é algo que queda lonxe, e explicarlles que aquí en Galicia se están a liderar fitos científicos”. Fixo estas declaracións en alusión ao traballo da investigadora e bióloga lucense Cintia Folgueira, “que co seu traballo no Centro Nacional de Investigación Cardiovascular e no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, é xa todo un referente nacional e internacional polos seus descubrimentos no campo da diabetes e da obesidade. É unha sorte contar con ela e que sempre estea disposta a colaborar neste tipo de iniciativas”, sinalou Ángeles Novo.
Obradoiros infantís
Para a edil de Muller no Concello de Lugo “é imprescindible poñer o foco na educación desde idades temperás en aspectos como a igualdade en todos os ámbitos da sociedade e en todas as profesións. Os obradoiros que realizaremos nas aulas dos centros Maruja Mallo e do Parque da Milagrosa poñerán o acento neste aspecto, contribuíndo a dar visibilidade ao traballo de científicas galegas contemporáneas, motivando a nenas e nenos a enfocarse ás areas da ciencia e a tecnoloxía, mediante o xogo. Así, nestes obradoiros empregaranse legos para favorecer estes obxectivos, ao tempo que se potencia o pensamento crítico e o traballo en equipo.
Nestes obradoiros, diferenciaranse dous grupos: un para nenas e nenos de 6 a 11 anos, no que haberá un enfoque máis lúdico e narrativo, centrándose na exploración visual e na construción creativa; e outros dirixido a rapazas e rapaces de 9 a 11 anos, cun compoñente máis técnico e no que se dará protagonismo á resolución de problemas. Haberá catro sesións de 90 minutos cada unha, distribuídas entre o centro de convivencia Maruja Mallo e a aula do Parque da Milagrosa.
Reparto do xogo de cartas “cientificartas” e do libro
Outra das actividades coa que se agarda ter máis repercusión será a través do xogo. A área de Muller e Igualdade repartirá nos centros educativos da cidade o xogo “cientificartas”, composto por 33 cartas en referencia a outras tantas científicas. Cada carta explica datos básicos destas investigadoras, como época á que pertencen, país de orixe, rama científica de traballo e algún detalle de interese sobre a súa vida ou os seus logros. Este xogo, que será utilizado como material lúdico-educativo se complementa cun libro, que permitirá ampliar información, coas biografías das 33 científicas da baralla.
En canto ao curso de receitas de cociña de tempada sen glute, que terá lugar o día 10 ás 17.30 horas, no restaurante Os Cachivaches, será necesaria a inscrición previa, posto que as prazas son limitadas. Nesta iniciativa, o Concello de Lugo conta coa colaboración e o asesoramento da Asociación de Celíacos de Galicia, ACEGA. A inscrición neste curso pódese facer ata o vindeiro día 9, no correo electrónico cmuller@lugo.gal. Tamén está aberto o prazo de solicitudes para participar nos obradoiros infantís con legos, para o que é necesario realizar a petición no correo igualdade@lugo.gal.
Audios
- A edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, sobre a entrega do xogo Cientificartas aos centros educativos| Descargar mp3
- A edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, sobre a presentación do programa do "Día da Muller e da Nena na Ciencia" | Descargar mp3


