Xuventude retoma a ruta pola Ribeira Sacra e a fin de semana no Courel, aprazadas polo Covid

Venres, 07 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude retoma a ruta pola Ribeira Sacra e a fin de semana no Courel, aprazadas polo Covid

A área de Xuventude retoma nestes meses de agosto e setembro, a ruta pola Ribeira Sacra e a fin de semana no Courel, aprazadas polo Covid, enmarcadas dentro das actividades para a mocidade activa do primeiro semestre do ano.

Concretamente, o Concello organiza o sábado, 22 de agosto, a ruta pola Ribeira Sacra do Sil, unha ruta de natureza e tamén cultural, polo canón do río Sil (Maquino Largaño). Ten unha dificultade media, ao achegarse aos preto de 15 quilómetros. Trátase dunha actividade para gozar da sempre espectacular Ribeira Sacra, sen dúbida, unha das zonas máis importantes de Galicia polo seu patrimonio natural, etnográfico, xeolóxico e cultural. Maquino Largaño ten o significado de Camiño Longo, no Barallete, ese idioma falado polos afiadores e paragüeiros ourensáns e que, aínda, pervive actualmente. Gran parte do percorrido descorre entre fermosas fragas cunha riqueza e ambiente cheo de maxia mesturándose o bosque atlántico co mediterráneo. Bidueiros, carballos, castiñeiros, abeleiras conviven con sobreiras, érbedos, silbarbeiros... e outras moitas especies que atopan refuxio nas escarpadas beiras do Canón do Sil. O longo da ruta a mocidade participante camiñará por pequenas aldeas con arquitectura popular en forma de antigas vivendas, hórreos e alpendres. As vistas do canón son espectaculares ao longo de todo o camiño facendo, desta andaina, un auténtico deleite para os sentidos. Tamén se visitará o mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil, actualmente parador de turismo.

Para a fin de semana do 12 e 13 de setembro, o Concello propón unha ruta de observación estelar no Courel. Os mozos e mozas participantes partirán ao serán desde o albergue de A Seara para realizar unha curta ruta nocturna. O obxectivo desta actividade será a observación estelar, identificación de constelacións e astros. Os/as participantes recibirán unha breve formación sobre a materia. Ao día seguinte, o 13 de setembro realizarase a ascensión ao pico Pía Páxaro, unha das rutas máis espectaculares do Courel. Trátase dunha ruta circular que percorre algúns dos paraxes máis espectaculares da serra destacando a Lagoa da Lucenza e as fervenzas do Fócaro e de Navaregas.

Esta actividade está suxeita ás posibles restriccións e limitacións impostas polas medidas de prevención derivadas do Covid. Tanto o límite de participación como as actividades a realizar pódense ver modificadas en función das limitación existentes nas datas sinaladas. En caso da imposibilidade de dispor do albergue de A Seara, a actividade a realizar será de unha sola xornada con saída e volta a Lugo no mesmo dia.

Os mozos e mozas interesados en participar xa poden facer as súas inscricións, de xeito provisional, a través do enderezo xuventude@lugo.gal, facilitando o nome, apelidos, data de nacemento e teléfono, achegando, con caracter obrigatorio, foto ou fotocopia do DNI/NIE/PASAPORTE. As e os menores de idade irán acompañados por unha persoa adulta.

A participación en cada actividade, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición:

  • Mozos e mozas de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo (achegando declaración responsable de empadroamento, que o Concello poderá comprobar)
  • Mozos e mozas de 14 a 35 anos, que traballen ou estuden no municipio de Lugo (achegando copia do contrato de traballo ou matrícula do centro educativo regrado no que estuda)
  • Mozos e mozas de 14 a 35 anos que residan en municipios limítrofes
  • E sempre e cando queden prazas vacantes, resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade

O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude.

Noticias relacionadas