A Xunta non descarta xa a descatalogación do edificio de Correos para avanzar na Intermodal pero esixe que se modifique o PXOM

Rexeita a vía aberta nunha reunión de carácter político en setembro de 2020 para que se tramitase pola vía interpretativa, o que permitiría axilizar en varios meses os trámites.

O edificio da Estación de Tren, que se manterá, é anterior a 1893, e o de Correos é posterior a 1977, polo que non serían obxecto da mesma protección.

O cambio da ficha do Plan Xeral, aínda que pode ir a través dunha tramitación simplificada, retrasa os avances dos proxectos das estacións en 3 ou 4 meses.

Mércores, 24 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta non descarta xa a descatalogación do edificio de Correos para avanzar na Intermodal pero esixe que se modifique o PXOM

A Xunta de Galicia descartou hoxe a vía para acelerar a descatalogación do Edificio de Correos para avanzar na Estación Intermodal de Lugo que se abriu na reunión técnico política que se mantivo en setembro do ano pasado entre as administracións implicadas (Concello, ADIF e goberno autonómico), que consistía en aprobar un informe de interpretación de interese público no que quedase patente o erro da inclusión deste edificio como ben protexido no PXOM.

Tras esa reunión, o servizo de Urbanismo presentou ante Patrimonio da Xunta dito informe, onde se reflicte que o edificio de Correos, que é posterior ao ano 1977, non é merecedor da mesma protección que o edificio da estación do tren, que se mantén no proxecto da Intermodal e que é anterior a 1893 e que ten, polo tanto, máis de 130 anos. Existe unha diferencia dun século entre ambos os dous inmobles.

O informe técnico aclara, ademais, que a única referencia de catalogación da construción de Correos que recolle o PXOM é a gráfica, é dicir, o plano da localización, “todo iso sen correspondencia coa descrición tipolóxica da propia ficha do catálogo ou referencia nalgún outro documento do PXOM ou informes sectoriais do mesmo”.  Este erro xa fora recollido incluso nun informe emitido polo equipo redactor do informe.

Responsables de Patrimonio, que hoxe tamén estiveron na reunión mantida entre técnicos municipais, de ADIF e da Xunta de Galicia, xa non se amosaron en contra da descatalogación de Correos, pero descartaron a vía interpretativa, que permitiría que fose ao Pleno Municipal para a súa aprobación o vindeiro mes de abril, o que axilizaría os avances dos proxectos construtivos da Intermodal unha vez que os proxectos básicos están finalizados. Argumentaron que sería necesario un cambio da ficha do PXOM e, polo tanto, do propio Plan Xeral.

Segundo se sostivo na reunión, esta nova solución, aínda que se podería desenvolver por unha tramitación simplificada, alongará o proceso en 3 ou 4 meses, o que retrasará que se poidan aprobar os proxectos básicos da estación de autobuses e de ferrocarril, xa terminados, así como a posterior exposición pública dos bens e dereitos afectados.

O Concello de Lugo lamenta este novo retraso porque se vai acumulando aos xa existentes, “e Lugo non merece ser de novo a última cidade de Galicia en modernizar as súas infraestruturas, e a intermodalidade é clave para gañar en tempos no transporte de viaxeiros e, polo tanto, en competitividade, e permitirá modernizar e mellorar tanto as liñas ferroviarias como os trens”. Así mesmo, manifesta que os equipos técnicos municipais se poñerán a traballar de maneira inmediata nesta nova vía para descatalogar o edificio de Correos.

Criterio interpretativo

O uso da figura do criterio interpretativo xa ten antecedentes por parte do Concello e da Xunta de Galicia nun informe favorable por parte de Patrimonio en relación á prevalencia das determinacións normativas sobre as gráficas, como podería ser o caso do edificio de Correos, como foi nunha acción que afectaba a rehabilitación dalgunhas unidades edificatorias no recinto amurallado.

Noticias relacionadas