Unha nova Instrución de Urbanismo permite, dende o pasado 18 de abril, tramitar só co proxecto básico as licenzas de obra maior

A medida, que obedece ao compromiso da rexedora de axilizar en todo o posible os procedementos, permitirá reducir á metade os tempos de resolución.

Lara Méndez concertará un encontro coa presidenta do COAG para trasladarlle os pormenores do documento e para avanzar en novas vías de colaboración.

Mércores, 04 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha nova Instrución de Urbanismo permite, dende o pasado 18 de abril, tramitar só co proxecto básico as licenzas de obra maior

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de concertar un encontro coa presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Lugo, para trasladarlle os pormenores e o alcance da nova Instrución ditada polo Coordinador da área de Sostibilidade Urbana que xa está en vigor dende o pasado 18 de abril e que, dende esa data, está a permitir ás e aos promotores de obra maior solicitar a licenza presentando, inicialmente un proxecto básico, e non o de execución, anteriormente esixido.

Unha determinación que obedece á vontade e ao compromiso da rexedora de axilizar en todo o posible a súa tramitación burocrática e “coa que agardamos poder reducir á metade os tempos de resolución pero que tamén suporá un aforro considerable para as e os particulares xa que, no caso de ser denegado ese proxecto inicial ou desistir do procedemento non precisarán contratar o proxecto de execución e, por tanto, evitarán asumir innecesariamente o seu custo”, explicou.

A medida foi posible trala modificación, en decembro do ano pasado, do precepto legal recollido no artigo 7.4 da Lei 18/2021 de medidas fiscais e administrativas, polo que “ás solicitudes de licenzas que se refiran á execución de obras ou instalacións, deberá aportarse proxecto básico redactado por un técnico competente, na forma e co contido que se determine regulamentariamente...” permitindo que este documento resulte suficiente para o outorgamento da licenza.

Así, administrativamente, se posibilita que a edificación se desenvolva en dúas etapas: a fase do proxecto básico no que quedan definidas as características xerais da obra e as súas prestacións mediante a adopción e xustificación de solucións concretas e que será suficiente para solicitar a licenza municipal e, a fase do proxecto de execución que, dispoñendo xa da autorización, se poderá presentar con posterioridade declarando ou xustificando que concorda coas indicacións técnicas validadas no básico.

A alcaldesa de Lugo referiu, así mesmo, que a súa intención é aproveitar a xuntanza coa representante do COAG para avanzar en novas vías de colaboración entrámbolos dous organismos que redunden na celeridade dos procedementos administrativos e que permitan un traballo conxunto e acompasado dos técnicos e profesionais das dúas entidades, en prol do interese xeral e sempre baixo premisas de dereito público.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a instrución do proxecto básico de licenzas | Descargar mp3

Noticias relacionadas