Unha nova iluminación pública, cuns 50 puntos de luz, mellorará a visibilidade no barrio de Recatelo

Manuel Núñez supervisou este luns as actuacións, que contan cun orzamento de 91.000 euros e que afectarán ao Carril de Recatelo e as rúas Isaac Díaz Pardo, Vila de Sarria, Frei Plácido Rei Lemos, Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro

Luns, 11 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unha nova iluminación pública, cuns 50 puntos de luz, mellorará a visibilidade no barrio de Recatelo

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou este luns as obras de renovación da iluminación pública, que vén de comezar o Concello no barrio de Recatelo. Trátase dunhas obras que contan cun orzamento de 91.000 euros e un prazo de execución de tres meses, e que pasan pola substitución do alumeado existente, dunha gran antigüidade e con danos nos anclaxes e no illamento. A nova iluminación será de máxima eficiencia enerxética e integrarase no entorno, tanto de día como de noite.

Tal e como informou Núñez, o proxecto consiste na substitución de 16 puntos de luz existentes e na instalación de 31 novos puntos –sobre columna e fachada-, no Carril de Recatelo e nas rúas Isaac Díaz Pardo, Vila de Sarria, Plácido Rei Lemos, Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro. A potencia total que se instalará é de preto de 7.400w, sendo a enerxía consumida duns  35.300Kwh/ano, cun custe total aproximado duns 4.600 euros ao ano. Empregaranse luminarias de 70, 150 e 250w.

Manuel Núñez subliñou a importancia que ten esta actuación, que responde a peticións e necesidades dos veciños e veciñas, para a mellora da iluminación e da visibilidade na zona, que será moito máis segura tanto para condutores como para os peóns.  

A reposición da iluminación en Recatelo súmase a outras actuacións que está a levar a cabo o Concello nas últimas semanas en diversos puntos da cidade, como a dotación dun novo alumeado no entorno do Anxo Carro, a reparación dun colector de saneamento situado no Camiño Primitivo, ou as obras asfaltado da Ronda da Muralla.

Noticias relacionadas