Un novo obradoiro de emprego abrirá oportunidades laborais a 15 mozos e mozas lucenses no eido das TIC

A formación de Emprega TIC, centrada en márketing e comunicación, e desenvolvemento de produtos multimedia, arrancará entre agosto e setembro

O traballo dos participantes difundirá a través das novas tecnoloxías a documentación e material gráfico sobre a riqueza patrimonial da cidade recompilados nos últimos obradoiros de emprego

Xoves, 09 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, avanzou este xoves que o obradoiro de emprego que vén de conceder a Xunta ao Concello, Emprega TIC, arrancará este verán, previsiblemente entre os meses de agosto e setembro, e terá unha duración de seis meses. A iniciativa, subliñou a edil, abrirá novas oportunidades laborais a 15 mozos e mozas lucenses menores de 30 anos no eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. Un director e dous profesores ocuparanse da formación aos alumnos-traballadores, que se repartirán en dous módulos: 8 en Xestión de Márketing e Comunicación e 7, en Desenvolvemento de Produtos Multimedia. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade.

Prieto asegurou que Emprega TIC cumprirá un dobre obxectivo, “por unha banda, mellorar as posibilidades de inserción laboral da mocidade, especialmente afectada polo paro, nun xacemento de emprego como son as novas tecnoloxías, sector que no 2013 deu traballo a preto de 1,6 millóns de persoas en España de forma directa e indirecta”, e, por outra, “poñer en valor o patrimonio documental, natural e histórico de Lugo”.

Deste xeito, o obradoiro servirá para “pechar a cadea de valor xerada nos catro talleres de emprego anteriores que financiou a Xunta -Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs, Urbs Lvcvs e Cultur@Lvcvs-, culminando ese traballo de documentación, dixitalización e catalogación coa posta a disposición de todo o material a través das TICs e dos instrumentos de comunicación actuais á toda a cidadanía, turistas, investigadores, profesores ou estudantes”, explicou a Concelleira.

Entre as actuacións previstas figuran, entre outras, o deseño e activación dun portal web ou app, vídeos, infografías, un blog, plans de comunicación en medios de comunicación e redes sociais, análise do posicionamento doutros proxectos de promoción turística, detección de necesidades e definición de obxectivos e xestión de material audiovisual.

Noticias relacionadas