En 2023 as terrazas de 1ª categoría deberán abonar 30’84€ ano/m² fronte aos 47’6€ de Ourense ou aos 43’27€ de Santiago e o vao dun garaxe de 4 prazas será de 40’09€ m/ano fronte aos 52’8€ de Ourense e os 76’80€ de Compostela.
Segundo a rexedora, Lara Méndez, “a moderación destes tributos terá un efecto dinamizador sobre o tecido produtivo local, para favorecer a recuperación e a estabilidade laboral o que redundará tamén na protección das economías familiares”.
A área de Gobernanza levará ao Pleno de outubro a revisión dun total de 9 Ordenanzas municipais para adecualas ao marco vixente e simplificar a tramitación das bonificacións xa que o resto de taxas permanecerán conxeladas.

A partir do 1 de xaneiro de 2023, a hostalaría lucense deberá abonar polas terrazas que instalen na vía pública 30’84€ ano/m² cando se trate de rúas con clasificación de 1ª categoría, 16’50€ ano/m² as de 2ª e 9’48€ ano/m² as de 3ª.
Importes que sitúan ás taxas lucenses entre as máis accesibles das grandes capitais galegas.
1º Categoría |
LUGO |
A CORUÑA |
SANTIAGO |
PONTEVEDRA |
OURENSE |
Ano/m² |
30’84€ |
37’5 € |
43’27 € |
42’32 € |
47’62 € |
A área de Facenda Local vén de elaborar un novo estudo de custos que fundamenta estes importes, atendendo á última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que revogou o documento anterior por considerar que varios dos coeficientes aplicados na Ordenanza de Ocupación da Vía Pública non foran xustificados suficientemente.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, avanzaron hoxe que a revisión realizada baixo criterios técnicos e obxectivos pretende non só acatar o ditame xudicial, senón tamén adecuar a devandita actualización á situación económica actual.
“Porén, en prol do interese xeral, non podemos perder de vista a potestade recadatoria da Administración para nutrirse de recursos suficientes que permitan sufragar aqueles servizos e prestacións que reclama a cidadanía e que merece recibir en condicións de calidade”, sinalou a rexedora.
Baixo ese mesmo principio de equilibrio, o Concello procederá a modificar igualmente o gravame que regula o aproveitamento do espazo público. É o caso dos vaos, as pasaxes comerciais permanentes ou limitados, de carga e descarga, etc.
Neste caso, tamén a revisión aplicada se traduce nunha lixeira diminución das tarifas para todos os conceptos que regula esta Ordenanza, manténdose, con respecto ao texto vixente, a diferenciación entre pasaxe comercial permanente e limitada e a unificación de categorías fiscais para as entradas a garaxe, cambios introducidos xa en 2022.
A alcaldesa lucense puxo, a continuación, outros exemplos das contías que estarán en vigor a partir do próximo exercicio destacando que a moderación destes tributos terá un efecto dinamizador sobre o tecido produtivo local, nomeadamente no ámbito da construción, “onde os importes se conteñen e mesmo baixan con relación aos actuáis para favorecer a recuperación do sector e a estabilidade laboral o que redundará, á súa vez, na protección das economías familiares xa que o resto de taxas permanecerán, un ano máis, conxeladas”, sinalou Lara Méndez.
Concepto |
2022 |
2023 |
Vaos |
43’32€ ml/ano |
40’09€ ml/ano |
Pasaxe comercial permanente |
102’87€ ml/ano |
95’21€ ml/ano |
Pasaxe comercial limitado |
102’87€ ml/ano |
39€ ml/ano |
Vaos de obra |
94’75€ ml/mes |
12’49€ ml/mes |
Descargas por obras |
23’69€ ml/mes |
3’12 € m²/mes |
Andamios |
7’46€ m²/15 días |
3’80€ m²/15 días |
Cantidades - incidiu a rexedora - tremendamente competitivas en comparación co resto das grandes cidades de Galicia.
Concepto |
Lugo |
A Coruña |
Ourense |
Santiago |
Pontevedra |
Vaos |
40’09€ ml/ano |
64’74€ ml/ano |
52’8€ ml/ano |
76’80€ ml/ano |
56’78€ ml/ano |
Pasaxe comercial permanente |
95’21€ ml/ano |
100’30€ ml/ano |
52’8€ ml/ano |
96€ ml/ano |
124’24€ ml/ano |
Andamios |
3’80€ m²/15 días |
3’89€ m²/mes |
4’45€ m²/15 días |
0’96€ m²/ día |
5’86€ m²/mes |
Pola súa parte, a responsable da área económica, Paula Alvarellos, apuntou, así mesmo, que o Concello xa deu conta dos borradores destes documentos ás asociacións dos ámbitos máis afectados (hostalaría e construción) coa vontade de propiciar a súa conformidade ás variacións instrucidas nos mesmos, “sempre nun clima de diálogo continuado e bo entendemento”, subliñou.
A edil explicou que o proxecto das Ordenanzas que será aprobado en Pleno - e no que os técnicos de Facenda Local levan meses traballando co máximo rigor - incluirá a modernización dun total de 9 tributos, que recollen modificacións de distinto tipo, a maior parte delas para mellorar a redacción e lexibilidade dos textos ou para axustalas ao actual marco normativo.
É o caso do Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana ou Plusvalía, no que, atendendo ao último cambio lexislativo se simplifican, pasando de 4 a 2, os tramos dos períodos computables para transmisións de 0 a 5 anos de antigüidade e, dende os 5 até os 20 anos, aínda que os coeficientes aplicables se manteñen.
Tamén se revisa a taxa pola prestación do servizo nas Escolas Infantís que inclúe a gratuidade da atención educativa segundo o último Decreto emitido pola Xunta e se aplica o redondeo para o cota do comedor a partir do próximo curso 2023 – 2024.
En canto ao Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica se establece, naqueles casos nos que se solicita a súa exención por discapacidade superior ao 33% a necesidade de que o ou a contribuínte presente a renovación do certificado que así o acredita no mesmo ano fiscal no que se actualiza para manter a exención correspondente.
No Imposto de Bens Inmobles se recolle que as familias numerosas, presentando a documentación oportuna, non terán que solicitar a bonificación correspondente todos os anos senón que esta terá validez mentres se atope vixente a súa consideración como tal. E se introduce unha exención ao IBI de 6 centros sanitarios en contraprestación ás obras que o Sergas está a executar no Ambulatorio da Milagrosa.
A este respecto, o ICIO contempla tamén unha bonificación do 95% a favor do Goberno autonómico para acometer estes traballos mentres que se suprimen as rebaixas das que gozou o ente galego tanto por este concepto como pola taxa de Servizos Urbanístico para acometer o Centro Integral de Saúde da Residencia.
Finalmente, o Concello de Lugo introducirá no Imposto de Construcións e Obras e na Ordenanza Fiscal Xeral senllas anotacións indicando que as bonificacións a estes tributos non se aplican de oficio, senón a instancia do interesado ou interesada e que esa solicitude pode facerse xa a través da autoliquidación dos gravames.
Audio
- A edil de Economía e Recursos Humanos, Paula Alvarellos, sobre a revisión de Ordenanzas | Descargar mp3