Specyal Olympics regresa a Lugo cos 19º Xogos Autonómicos de Baloncesto, nos que se darán cita preto de 300 deportistas

A Alcaldesa presentou este evento no que participarán o vindeiro domingo no Pazo Provincial dos Deportes 19 asociacións de toda Galicia 

Venres, 27 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación dos Special Olympics

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, presentaron este venres no Salón de Plenos os 19º Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual, que acollerá o Pazo Provincial dos Deportes o vindeiro domingo, 29 de novembro, dende as 10:45 ás 20:00 horas. Ao acto tamén asistiu o deputado provincial de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos, o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, e o presidente de ASPNAIS, José Reigosa, así como representates de FADEMGA e un dos deportistas que participará neste evento. Trátase dunha competición organizada por Special Olympics Galicia en colaboración con FADEMGA Plena Inclusión Galicia e promovida pola entidade lucense de ASPNAIS, cuxo obxectivo é estimular ás persoas con algunha discapacidade para que se superen.

No acto, a rexedora puxo en valor esta proba deportiva “que beneficia a nivel físico e emocional aos participantes ao tempo que favorece a súa integración social”. Neste senso, Lara Méndez avanzou o compromiso do Concello con este tipo de competicións, “pois respaldar este tipo de actividades é traballar por botar abaixo barreiras e obstáculos físicos, que son os que realmente entorpecen a total integración”.

A Alcaldesa aproveitou a ocasión para agradecerlle tanto a ASPNAIS, FADEMGA e Special Olympics o seu traballo en prol do acceso de todas as persoas con necesidades especiais ao ámbito deportivo. Así mesmo, puxo en valor o “importantísimo e calado labor” do voluntariado e agradeceu aos colectivos que unha vez máis pensaran en Lugo para traer “unha competición destas características, que reúne a deportistas de toda Galicia cunha gran capacidade de transmitir os verdadeiros valores de deportividade e cun gran afán de superación, tanto dos obstáculos físicos como psicolóxicos, que a miúdo son máis complicados de superar que as barreiras arquitectónicas”. En 2012 xa se disputaran na cidade estes mesmos xogos de baloncesto e no pasado ano Lugo acolleu o V Encontro Nacional de Probas Motrices Special Olympics España.

Pola súa banda, Fernández agradeceu a colaboración e o apoio institucional con esta iniciativa pensado por e para as persoas con discapacidade intelectual.

19 asociacións de toda Galicia

Nos 19º Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia para persoas con discapacidade intelectual participarán 19 asociacións de toda Galicia, que desprazarán a un total de 287 deportistas con discapacidade intelectual, 63 adestradores e outros tantos voluntarios. O Concello de Lugo estará representado por 48 deportistas das entidades de ASPNAIS e San Vicente de Paul.

Audio

  • Lara Méndez, sobre os 19º Xogos Autonómicos de Baloncesto Special Olympics Galicia |Descargar mp3

Noticias relacionadas