Rubén Arroxo anuncia dúas novas intervencións de renovación de alumeado na cidade

O goberno de Lugo aprobará mañá iniciar o procedemento para contratar dúas novas actuacións cunha inversión total de preto de 300.000€

Rubén Arroxo: “continuamos a avanzar na renovación do alumeado na cidade, aumentando as instalacións existentes onde sexa preciso para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza”

Martes, 16 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo anuncia dúas novas intervencións de renovación de alumeado na cidade

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o goberno de Lugo aprobará mañá iniciar o procedemento de contratación de dúas novas actuacións de renovación do alumeado público, por un total de 296.431,80€ entre ambas actuacións. Rubén Arroxo afirmou que “continuamos avanzando na renovación do alumeado público en dúas zonas da cidade, aumentando e mellorando as instalacións xa existentes para mellorar a seguridade e a calidade de vida da veciñanza”.

A primeira actuación que se aprobará mañá será a renovación do alumeado na Rolda das Mercedes e na Rolda Xosé Castiñeira, onde se renovarán as luminarias existentes por LEDs de baixo consumo, e terá un orzamento de saída de 80.591,90€ e un prazo de execución de dous meses. Substituiranse luminarias de 150W por luminarias de 85, o que permitirá aforrar 1235W ao ano, evitando emitir 1.9 Toneladas de CO2.

A segunda renovación será na contorna das rúas Monte Faro e Illas Canarias, onde se renovarán as luminarias e a instalación, aumentando a cantidade de puntos de luz e o cableado. Retiraranse 55 luminarias de 150W de vapor de sodio, elemento altamente contaminante, por luminarias de 85W. En total emitiranse 5.5 toneladas de CO2 menos, e aforraranse 3575W.

Rubén Arroxo lembrou que desde a área de Mobilidade e Infraestruturas se adicaron nos últimos dous anos preto de 3 millóns de euros na renovación do alumeado público da cidade, substituíndo luminarias con elementos contaminantes e con altos consumos de enerxía por LEDs de baixo consumo e maior capacidade lumínica, eliminando ao mesmo tempo zonas escuras e aplicando criterios como a perspectiva de xénero para aumentar a seguridade nas rúas.

Audio

  • O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, sobre o alumeado | Descargar mp3

Noticias relacionadas