“Revelando o Machismo” A área de Xuventude remove conciencias cunha nova edición dos concuros de Deseño Gráfico e Fotografía

O primeiro premio para ambos concursos é de 600 euros e os deseños gañadores serán utilizados pola Casa da Muller como imaxe dalgunha das súas vindeiras campañas

Sábado, 01 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa

“Hai vítimas porque hai verdugos, mulleres asasinadas porque hai asesinos. Unha violencia de dominación que podería denominarse terrorismo e contra a que cómpre loitar dende todas as frontes posibles, axitando conciencias e incitando a asumir a responsabilidade que, como sociedade, nos corresponde no rexeitamento firme de calquera conduta que revele machismo”.

Con ese obxectivo a concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, anima á cidadanía a participar no Concurso de Deseño Gráfico contra a Violencia de Xénero e no VIII Certame de fotografía Revelando o machismo, que o Concello convoca cada ano para loitar pola igualdade real entre mulleres e homes.

Dous concursos nos que poderán concorrer cantos autores e autoras o desexen.

“No de deseño gráfico, os traballos de tamaño e técnica libre, deberán ser presentados en soporte ríxido  para facilitar a súa posible exposición. Sendo requisito indispensable que figuren os logotipos do Concello e da Casa da Muller xa que será esta quen o empregue como imaxe das futuras campañas que desenvolva”, explicou a edil ao tempo que sinalou que “se valorará, específicamente que os deseños contribúan á prevención da violencia de xénero, especialmente nas persoas novas, destacando valores positivos como o bo trato na parella”.

Pola súa banda, no certame de fotografía, as imaxes deberán ter un tamaño de 20x30 centímetros como mínimo e 40x50 centímetros como máximo e será obrigatorio presentalas sobre cartolina branca ou cartón ríxido de 50x70 centímetros, cuxo grosor non exceda de 1,5 centímetros. Admitiranse traballos tanto en branco e negro como en cor e o soporte de presentación das mesmas será en papel tradicional, analóxico ou químico.

“As obras terán que ser presentadas, baixo lema, de maneira anónima, e ir acompañadas doutro sobre adxunto, pechado e co mesmo lema, onde se indiquen os datos identificativos da persoa participante, tendo como prazo máximo para entregalas ata as 13 horas do próximo 19 de febreiro, na Casa da Muller”, conluíu Ana Gónzalez que subliñou que o primeiro premio para ambos concursos é de 600 euros.

Para máis información, os datos dámbalas dúas convocatorias poden consultarse na páxina web www.lugo.gal, na Casa da Muller, no teléfono 982.29.74.12 e no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org

Máis info

  • Díptico do "Concurso de Deseño Gráfico - Contra a violencia de xénero" | Descargar pdf
  • Díptico do "VIII Certame de Fotografia - Revelando o machismo" | Descargar pdf

Audio

  • A concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira, sobre os concursos de fotografía | Descargar mp3

Noticias relacionadas