REACCIÓN INMEDIATA DO CONCELLO ANTE A TORMENTA QUE CAEU ESTA TARDE NA CIDADE

Luns, 28 de xuño de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O equipo de Goberno do Concello de Lugo actuou de xeito inmediato ante a tormenta que esta tarde caeu sobre a cidade.

Tanto o Alcalde, José López Orozco, como os concelleiros do Goberno local actuaron de xeito inmediato e coordinaron un dispositivo que mobilizou os servizos de Protección Civil, Bombeiros e Policía Local para facerlle fronte a unha tormenta de gran intensidade que en quince minutos deixou numerosos desperfectos na cidade.

Este dispositivo completouse coa intervención dos servizos das empresas concesionarias como Urbaser, os servizos de limpeza e Calfensa, esta última retirou de xeito inmediato unha árbore que caeu no Parque Rosalía de Castro sen causar feridos.

Os equipos de bombeiros desprazáronse para facerlle fronte ás inundacións que se produciron en Duquesa de Lugo, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, Veterinaria e Ronda de Fingoi. Alí actuaron tamén de inmediato as brigadas de Urbaser para eliminar as follas que se acumularon nos sumidoiros e impedían a correcta evacuación da auga.

Tamén houbo que actuar en baixos asolagados, no restablecemento do subministro eléctrico no sur da cidade e na retirada de auga dos centros sociais da Milagrosa e Uxío Novoneyra, o Centro de Teleformación do Castiñeiro e no Edificio Administrativo do Seminario.

En menos de dez minutos estaba mobilizado todo o equipo de goberno distribuído polos distintos centros afectados.

Arde Lucus

Respecto á programación do Arde Lucus, a Concellería de Xuventude decidiu aprazar para mañá a actividade da exhibición da cabaleiría romana que ía ter lugar ás 19.30 desta tarde na explanada do Pavillón Municipal. Esta actividade reprogramouse e celebrarase mañá, ás 16.30. As persoas que tiveran invitación para o espectáculo poderán acudir mañá no novo horario.
En canto ó Circo, a súa celebración vai depender da evolución climatolóxica.

www.ardelucus.com

 

Noticias relacionadas