Que che re-aproveite!, a campaña do Concello para evitar os desperdicios alimentarios, chega a 26 establecementos da cidade

Daniel Piñeiro, Jaime Martínez e Jesús Cotelo presentaron esta campaña, que se levará a cabo do 19 ao 27 de novembro coincidindo coa Semana Europea da Prevención de Residuos

Xoves, 17 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Que che re-aproveite!, a campaña do Concello para evitar os desperdicios alimentarios, chega a 26 establecementos da cidade

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o delegado de Urbaser en Lugo, Jaime Martínez, e o representante de Novotec Consultores, Jesús Cotelo, presentaron este xoves no Salón de Plenos a campaña Que che re-aproveite!, que pretende concienciar á cidadanía para evitar os desperdicios alimentarios.

Daniel Piñeiro explicou que “esta iniciativa, organizada conxuntamente entre o Concello e a empresa Urbaser, para que os establecementos de hostalería sensibilicen sobre os residuos orgánicos que se producen, como os alimentos ou bebidas sobrantes, para que se aproveiten e non acaben sendo un residuo”.

Pola súa banda, Jesús Cotelo dixo que “pretendemos facer fincapé tanto na redución dos alimentos que se poden tirar plantexando receitas para reutilizalos, como nos restos de servizo”.

Neste senso, Cotelo destacou que en España “o 32% dos residuos municipais son restos de alimentos, entre os que a hostalería tira o 14% e a cidadanía o 42% dos residuos alimentarios, polo que é moi necesaria a concienciación de toda a cidadanía e non só sobre os restaurantes, dos que hai estudos que determinan que o desperdicio de alimentos é de media dun 3.000 euros ao ano”.

Esta campaña de sensibilización levarase a cabo en 26 establecementos da cidade, que se adheriron á mesma, do 19 ao 27 de novembro, coincidindo coa Semana Europea da Prevención de Residuos. Este proxecto está apoiado pola iniciativa LIFE+ da Comisión Europea.

Os establecementos participantes, que terán distintivos identificativos, son O Xugo, España, Porta da Estación, Pulpería O Castelo, La Encina, O Figón, Casa María, Os Cachivaches, Mesón de Alberto, Casa D´Auga, Pazo das Pombas, Ave César, Eduri, Campos, Paprica, Tosar, Antas, Aurora do Carballiño, O Mercado Street Food, Abel, Cotá, Mesón do Forno, Piccolo, 101 Vinos, El Rincón de Santos e Os Tres Pés.

Material da campaña

Para iso, estará dispoñible unha páxina en Facebook con información, ademais distribuiranse 4.500 recipientes de friameiras e bolsas de papel, ademais de adhesivos identificativos deste proxecto, fichas de seguimento e 9.000 manteis de papel coa imaxe da campaña e recomendacións sobre a redución de residuos.

Noticias relacionadas