A primeira feira en Galicia dirixida a persoas con discapacidade e maiores terá lugar este fin de semana en Lugo

Xoves, 26 de xuño de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, e o Director da Feira-Exposición Un mundo de posibilidades, José Tarifa, presentaron a primeira feira de produtos para persoas con discapacidade, persoas maiores e familiares que se celebra este fin de semana, 28 e 29 de xuño, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

Trátase dun encontro multisectorial no que se presentan as últimas ferramentas de todo tipo para as persoas con discapacidade ou de idade avanzada e os seus familiares co obxetivo de presentar produtos e servizos dirixidos especialmente a mellorar a súa calidade de vida e que os axuden a vivir de forma independente.

Ana G. Abelleira invitou a todos os veciños e veciñas de Lugo a visitar esta actividade que é de entrada gratuíta xa que “pensamos que é esencial xa que porá en contacto a diferentes asociacións e coa sociedade en xeral”. Neste sentido, explicou que é unha oportunidade para coñecer novos produtos de asistencia, atención e rehabilitación.

Pola súa parte, José Tarifa, explicou que dende as 11 horas do sábado e ata as 20 horas do domingo as persoas que se acheguen poderán ver conferencias realizadas por empresas e por asociacións, presentación de produtos, exhibición de vehículos adaptados, desfile de roupa adaptada a persoas en silla de rodas, baile, talleres de velas ou incluso test de Alzheimer.

Entre as asociacións participantes hai doce que son de Lugo: Adace, Afalu, Alume, Asorlu, Aspace Lugo, Capaces Lugo, Cogami, Down Lugo, Parkinson Lugo e San Vicente de Paul. Ademais tamén estarán o Corpo de Bombeiros de Lugo e o do Corpo Nacional da Policia.

Multimedia

Noticias relacionadas