Preto de 350 persoas de etnia xitana atoparon traballo grazas ás colaboracións do Concello e a Deputación

Ana Abelleira e Sonsoles López mantiveron un encontro con usuarios da Fundación Secretariado Xitano, para coñecer os resultados da colaboración que manteñen ambas institucións que ascende aos 48.000 euros

A FSG, que leva funcionando preto de 15 anos, leva a cabo programas educativos e de inserción laboral. Nos últimos anos, prestou atención a 133 nenos para superar a ESO e 496 maiores recibiron formación profesional, dos cales 350 atoparon traballo

Martes, 05 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Preto de 350 persoas de etnia xitana atoparon traballo grazas ás colaboracións do Concello e a Deputación

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, mantiveron un encontro con usuarios da Fundación Secretariado Xitano. O Concello e a Deputación realizan unha achega económica de 48.000 euros a este colectivo co fin de colaborar en programas educativos e de inserción laboral. Nos últimos anos a Fundación atendeu a 133 nenos de entre 12 e 16 anos de idade para que logren superar a ESO e continúen cos estudos postobligatorios; e 496 maiores recibiron formación laboral, dos cales 346 asinaron un contrato.

Os plans e programas de educación e reinserción laboral que leva a cabo a Fundación Secretariado Xitano son:

  • Programa Promociona: o obxectivo deste proxecto, que dende o ano 2012 atendeu a 155 escolares, é que os mozos xitanos rematen con éxito, os estudos de ESO e continúen formándose tras recibir a educación obrigatoria. Esta iniciativa non se dirixe soamente ao propio alumnado, senón que inclúe as familias e aos centros educativos, é por iso que o Programa Promociona traballa a nivel individual, grupal e sociocomunitario.

 A través destas accións, establécese un plan de traballo personalizado para cada alumno no que se establecen as necesidades, accións a desenvolver e prazos de revisión. Este traballo realízase mediante entrevistas individualizadas coas familias para que desenvolvan as competencias necesarias para lograr o éxito escolar. Ademais realízanse sesións de apoio grupal nas cales os mozos traballan para reforzar os coñecementos das diferentes materias e créanse espazos de reflexión e debate coas familias.

  •  Programa Acceder: a través deste proxecto de emprego, a Fundación Secretariado Xitano, ofrece intermediación laboral para facilitar a incorporación ao mercado profesional da poboación xitana. Céntrase na formación e cualificación profesional dos participantes, nos factores da transformación e elementos estratéxicos do fomento da empregabilidade. As accións formativas conveniadas con empresas constitúen un dos principais factores de éxito; formación principalmente prácticas, vinculada ao emprego e adaptada ás necesidades funcionais da empresa. Nos últimos anos e a través deste programa formáronse 496 persoas, das cales 346 conseguiron un posto de traballo.

Secretariado Xitano

Este colectivo social, que leva funcionando preto de 15 anos, ten como misión a promoción integral da comunidade xitana, orientada a promoción e equiparación das dos seus dereitos, servizos, bens e recursos sociais en igualdade de condicións ca o resto da cidadanía. A FSG desenvolve todo tipo de servizos e programas que contribúen a alcanzar a plena cidadanía das persoas  xitanas: promoven a igualdade de trato e tentar evitar toda forma de discriminación, melloran as condicións de vida ou desenvolver a autonomía persoal, entre outros ámbitos.

Multimedia

  • Preto de 350 persoas de etnia xitana atoparon traballo grazas ás colaboracións do Concello e a Deputación

Noticias relacionadas