O Goberno local impulsa novas axudas para fomentar a mobilidade accesible e apoiar o servizo de taxi adaptado en Lugo

A área de Cohesión Social elevará á Xunta de Goberno Local a aprobación das bases, a autorización do gasto e a apertura das convocatorias públicas 2025 das dúas liñas de axuda para taxis adaptados.

As convocatorias, cun investimento total de 19.000 euros, combinarán apoio directo ás persoas usuarias e subvencións para o mantemento e mellora dos vehículos accesibles.

A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, subliña que a accesibilidade é un dereito e un eixo central da política social de Lugo, “porque unha cidade inclusiva é unha cidade máis viva e igualitaria”.

Martes, 28 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno local impulsa novas axudas para fomentar a mobilidade accesible e apoiar o servizo de taxi adaptado en Lugo

A área de Cohesión Social do Concello de Lugo levará á Xunta de Goberno Local a aprobación das bases reguladoras, a autorización do gasto e a apertura das convocatorias públicas 2025 das dúas liñas de axudas para favorecer a mobilidade accesible e reforzar o servizo de taxi adaptado no municipio.

As medidas, que se desenvolven no marco do convenio municipal co Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) e coa Fundación ONCE, destinan 19.000 euros a mellorar a autonomía das persoas con discapacidade e a apoiar aos profesionais que prestan este servizo esencial.

A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, explicou que estas convocatorias “reflicten un compromiso real cun Lugo máis humano, sen barreiras e con oportunidades para todos”, e engadiu que “a accesibilidade é un dereito e un eixo central da nosa política social, porque unha cidade inclusiva é unha cidade máis viva, diversa e igualitaria”.

A primeira das convocatorias, dotada con 5.000 euros, está dirixida a persoas empadroadas en Lugo cunha antigüidade mínima dun ano, que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e mobilidade reducida segundo o ditame técnico correspondente.

Tamén deberán cumprir un límite de renda máximo equivalente a 2,25 veces o IPREM anual, conforme establecen as bases. Cada beneficiario poderá recibir ata 800 euros anuais, ou 1.000 euros no caso de persoas empadroadas nas parroquias rurais.

Os desprazamentos subvencionables deberán realizarse dentro do termo municipal, aínda que se admitirán viaxes excepcionais xustificadas por motivos médicos, xudiciais ou educativos. O prazo de solicitude será de 15 días hábiles a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

López Racamonde destacou que esta convocatoria “é unha ferramenta directa para garantir o dereito á mobilidade das persoas, eliminando barreiras económicas e físicas”, e sinalou que con ela “facilitamos a igualdade de oportunidades e a participación social, especialmente das persoas que viven no rural ou teñen máis dificultades de desprazamento”.

A segunda liña de axudas, cun orzamento de 14.000 euros, está destinada aos titulares de licenzas de taxi adaptado que presten servizo no termo municipal de Lugo.

As subvencións cubrirán gastos de mantemento, reparación, adaptación, mellora e seguros dos vehículos accesibles, así como outros custos asociados á súa posta en servizo.

O importe máximo por beneficiario será de 3.000 euros e prevese o pagamento anticipado do 50 % da subvención sen necesidade de aval, co resto condicionado á xustificación das actuacións.

As bases recollen tamén a obrigatoriedade de manter o servizo activo en condicións óptimas, incluíndo a cobertura de quendas nocturnas, de fin de semana e festivos, para garantir a dispoñibilidade continua do servizo adaptado. O prazo de solicitude será de 15 días hábiles desde a publicación no Boletín Oficial da Provincia, e a xustificación deberá presentarse antes do 1 de xaneiro de 2026.

A concelleira indicou que “os taxis adaptados son unha peza clave da mobilidade inclusiva, e Lugo é unha das poucas cidades que mantén axudas específicas para este servizo esencial”.

Segundo sinalou, “estas dúas liñas complementarias —para persoas usuarias e para profesionais— garanten que Lugo dispoña de taxis adaptados suficientes e que todas as persoas poidan utilizalos con autonomía e seguridade”.

López Racamonde concluíu lembrando que “a cohesión social tamén se constrúe dende a accesibilidade, e estas medidas son unha mostra do compromiso do Goberno local cunha cidade que coida das persoas e rompe barreiras”.

Audio

  • A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre o fomento da mobilidade accesible e apoiar o servizo de taxi adaptado en Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas