A Policía Local denuncia a 65 condutores que circulaban excedendo a velocidade máxima permitida

Os axentes detectaron as infraccións durante a realización de varios filtros de seguridade nas xornadas de mércores e xoves

Venres, 22 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Policía Local realizou, na mañá do día 20 e na noite do día 21 de novembro, varios filtros de seguridade viaria en diversas rúas da cidade, nos que se utilizou ademais un vehículo policial dotado de cinemómetro, formulándose 65 denuncias por circular a velocidade superior á regulamentariamente establecida e detectando a 3 condutores que circulaban sen presentar o automóbil que conducían á Inspección Técnica Periódica no prazo debido. Ademais, en 16 das infraccións por exceso de velocidade, procedeuse a detraer puntos aos seus condutores, sendo a velocidade máis alta recollida de 67 km/ h nunha vía limitada a 30 km/ h e de 95 km/ h nunha limitada a 50 km/ h.

Así mesmo os axentes detectaron un turismo sobre o que pesaba un mandamento de captura e depósito por embargo, emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, sendo retirado polo guindastre e PRECINTADO no Depósito Municipal.

Por outra banda, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Unidade Territorial de Policía de Barrio acudiron na madrugada do día 22 de novembro a unha vivenda da cidade na que se produciu unha discusión entre unha parella. Durante a mesma a muller arroxou desde a xanela varias pertenzas do home á beirarrúa. Os axentes identificaron a ambos e acougaron os ánimos e tras comprobar que se trataba dunha rifa entre eles, non existindo ningún tipo de agresión e non desexando ningunha das partes formular denuncia algunha, proceden a levantar acta de infracción por arroxar os obxectos á vía pública, requirindo ao Servizo Municipal para a limpeza da vía.

Noticias relacionadas