Paz Abraira reúnese con membros do Eixo Atlántico para buscar financiamento para a posta en marcha da Axenda 21

Martes, 20 de marzo de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A concelleira de Infraestruturas, Paz Abraira, di que o obxectivo é poñer en marcha pequenas accións concretas que fagan de Lugo unha cidade máis habitable e máis cómoda para os cidadáns

A concelleira de Infraestruturas e Axenda 21, a nacionalista Paz Abraira, reuniuse esta mañá con membros do Eixo Atlántico, na procura de vías de colaboración para a posta en marcha da Axenda 21. O encontro coa entidade que engloba a todas as cidades galegas e do norte de Portugal tivo como finalidade principal a análise do actual escenario de financiamento europeo de cara a acadar fondos para a posta en marcha de políticas medioambientais e de sustentabilidade en Lugo. O Eixo Atlántico comprometeuse a colaborar co Concello de Lugo neste obxectivo e a prestar o asesoramento necesario para a procura de financiamento estatal e europeo.

A reunión, mantida por Paz Abraira e técnicos municipais con Francisco Pan-Montojo, director da axencia de ecoloxía urbana do Eixo Atlántico, serviu tamén para abordar outros asuntos, como o desenvolvemento de xornadas técnicas sobre medio ambiente e ecoloxía. Segundo avanzou a responsable de Infraestruturas e Axenda 21 do Concello, Lugo acollerá durante este ano diversas xornadas sobre sustentabilidade destinadas aos cidadáns nas que se promoverán prácticas como a eficiencia enerxética ou a responsabilidade medioambiental.

O encontro mantido hoxe encádrase no actual proceso de “reactivación” da Axenda 21, a principal ferramenta medioambiental e de participación cidadá coa que conta o Concello de Lugo, emprendido nas últimas semanas polo departamento de Infraestruturas e Axenda 21. Paz Abraira insistiu en que o obxectivo para esta lexislatura é lograr unha cidade “máis humana e habitable na que sexa máis cómodo vivir”, dixo, a través de medidas concretas de “humanización da cidade”.

Xuntanzas das Mesas Temáticas a vindeira semana

O proceso para a posta en marcha da Axenda 21 continuará a vindeira semana coa reunión das distintas Mesas Temáticas. O lugar dos encontros será o Centro Social Maruxa Mallo.

- Mesa Temática de ordenación sostible do territorio 27/03/2012 20h.
- Mesa Temática de servizos sociais e sanitarios 28/03/2012 20h.
- Mesa Temática de emprego e desenvolvemento económico 10/04/2012 20h.
- Mesa Temática de medio ambiente 11/04/2012 20h.
- Mesa Temática de participación cidadá e conciencia comunitaria 16/04/2012 20h.

www.lugo.es/ws/axenda21

Multimedia

Noticias relacionadas