A alcaldesa participou no almorzo organizado polo Colexio Oficial de Enxeñería Agrícola de Lugo no marco do encontro do Consello Xeral de Enxeñería Agrícola de España.
Alvarellos destacou a importancia do Campus Terra na transformación do sector primario e no impulso á investigación vinculada ao agro.
“Os avances tecnolóxicos e a investigación aplicada están a facer do noso rural un espazo competitivo e de futuro”, subliñou a rexedora.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou esta mañá no Almorzo Agrícola “Coidando da terra, coidamos da xente”, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñería Agrícola de Lugo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo. O acto, celebrado no marco do encontro do Consello Xeral de Enxeñería Agrícola de España, reuniu a representantes do sector para analizar os retos e oportunidades do rural.
Durante a súa intervención, Alvarellos salientou a importancia do campo como parte esencial do desenvolvemento rural de Galicia e vinculou o crecemento de Lugo á evolución do sector primario. “O noso municipio, eminentemente rural, precisa de talento, innovación e formación para seguir avanzando. E aí é onde a enxeñería agrícola ten moito que achegar”, afirmou.
A rexedora destacou tamén o papel do Campus Terra e da Escola Politécnica Superior no progreso da provincia, facendo fincapé na súa contribución á modernización das explotacións gandeiras e ao impulso da investigación aplicada ao agro. “O traballo dos expertos deste campus marcou o camiño para que o noso sistema primario se modernice e poida competir en estándares de calidade e sustentabilidade”, sinalou.
Ademais, subliñou o crecemento das titulacións vencelladas ao sector, como a Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria ou o dobre grao de Enxeñaría Agrícola e Forestal, que duplicaron o seu número de estudantes nos últimos anos. “Este incremento amosa que existe interese por formar parte do futuro do rural, e iso é unha oportunidade para Lugo”, engadiu.
No seu discurso, a alcaldesa puxo en valor a aposta do Concello pola retención e captación de talento vinculado ao agro, citando casos de éxito como Innogando, unha empresa lucense que naceu nos viveiros municipais do CEI-NODUS e que hoxe continúa a súa expansión a nivel nacional. Neste sentido, lembrou que iniciativas como o Lugo Transforma, cun investimento de 13 millóns de euros, buscan atraer e consolidar proxectos empresariais que contribúan á diversificación económica do municipio. “O sector primario non está rifado coa vangarda nin coas novas tecnoloxías. Ao contrario, innovación e tradición deben ir da man para garantir o futuro do rural”, concluíu.
O foro serviu para reforzar a relación entre a enxeñería agrícola e a provincia, fomentar sinerxías e sensibilizar sobre a necesidade de achegar o rural á sociedade.


