A alcaldesa asegurou que “O Goberno Galego sempre terá a man tendida do Concello para ceder o permutar solo e avanzar así nunha necesidade ineludible e corrixir a agravio comparativo con outras urbes galegas”.

A alcaldesa, Paula Alvarellos mantivo esta mañá unha reunión coa responsable de Vivenda do Goberno Galego para coñecer o plan presentado pola administración autonómica para a construción de vivendas de promoción pública no barrio de Garabolos. Para a rexedora lucense, este anuncio supón “unha boa nova para a cidade e a apertura dunha vía para que a Xunta de Galicia salde a débeda histórica con Lugo, unha cidade cunha gran demanda de vivenda pública e na que o Goberno Autonómico non construíu nin un só piso de promoción oficial desde hai 15 anos”. Será ademais, insistiu a alcaldesa de Lugo, “unha forma de que a Xunta de Galicia comece a corrixir o agravio comparativo que Lugo sofre con respecto a outras cidades galegas”.
Trala reunión mantida coa Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, a alcaldesa de Lugo destacou o cambio de tendencia da Xunta de Galicia que supón este anuncio para a cidade lucense, que na actualidade ten máis de 2.000 persoas inscritas como demandantes de vivenda no rexistro da cidade. Neste sentido, a rexedora municipal sinalou que “como Goberno Local seguiremos esixindo á Xunta de Galicia estas dotacións tan necesarias para os e as lucenses, para que cumpra cos compromisos adquiridos e coas súas competencias”.
Paula Alvarellos, como xa fixera no seu día co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou á conselleira de Vivenda a “total colaboración do Concello de Lugo para poñer solución a este déficit en todos os aspectos e trámites que sexan de competencia municipal. Poñémonos a disposición do Goberno Galego para avanzar, ben na permuta de parcelas ou ben na cesión de solo, para que, nun futuro que agardamos sexa o máis pronto posible, a Xunta avance no desenvolvemento de chan na nosa cidade, destinado á construción de vivenda de promoción pública en Lugo”.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a valoracion das VPO en Lugo | Descargar mp3

