A rexedora fixo unha valoración moi positiva da 6ª edición do festival que reuniu a 40.000 persoas na contorna do río Miño, converténdose nun gran dinamizador da economía local.
“O ambiente festivo estendeuse dende a zona fluvial ata o centro da cidade, coas actuacións no Coliving, beneficiando a diferentes sectores do municipio”, explicou.
As primeiras entradas para o Caudal Fest 2025, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro, sairán á venda este luns a partir das 13:00 horas.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, fixo este luns unha primeira valoración “moi positiva” da sexta edición do Caudal Fest, que reuniu a pasada fin de semana a 40.000 persoas na contorna fluvial do río Miño, acadando un 100% de ocupación hoteleira no municipio e anunciou que “xa estamos a traballar na edición de 2025 que terá lugar os días 19 e 20 de setembro, e que volverá a contar con bandas e artistas de referencia no panorama nacional”.
“A falta dos datos oficiais, que nos permitan facer un balance máis exhaustivo, esta foi a edición máis exitosa do Caudal, en termos de organización, de afluencia de público e de retorno económico, o que demostra que se trata dunha cita en continua progresión. En 2023 foron 35.000 as persoas que pasaron polo Caudal, mentres que este ano a cifra de asistentes sitúase en 40.000, polo que se prevé un incremento importante dese impacto”, subliñou.
A rexedora puxo en valor o evento como “un gran dinamizador da economía local, pois o ambiente festivo estendeuse dende a zona fluvial ata o centro da cidade, grazas tamén ás actuacións programadas no Coliving Artístico do Carme, beneficiando a diferentes sectores do municipio como o comercio, a hostalería, os de mobilidade ou de alimentación”.
“Dende a súa posta en marcha, o festival buscaba cubrir unhas datas estratéxicas, concebido como unha proposta que se unira ás dúas grandes festas da nosa cidade, o Arde Lucus e o San Froilán, servindo de anticipo para esta última cita, que arrincará a vindeira semana, e permitíndonos estender a oferta cultural e de ocio ao longo do ano para contribuír a desestacionalizar o turismo”, explicou Alvarellos.
“Hoxe en día o Caudal Fest é xa un festival de referencia nivel estatal, cun público moi fiel que cada ano nos visita dende máis recunchos do país. Polo tanto, animo a todo o mundo a que reserve as datas do 19 ao 20 de setembro do ano que vén para voltar a Lugo a gozar da última gran festa do verán, e sobre todo a gozar da música, da cultura, da xente e, en conxunto, da nosa maravillosa cidade”, engadiu. As primeiras entradas para a 7ª edición do evento sairán á venda este luns, a partir das 13:00 horas.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre o balance do Caudalfest 2024 | Descargar mp3


