Paula Alvarellos esixe á Xunta unha maior dotación de recursos para investigar o xacemento funerario do Corro do Mouro, único en Galicia

A alcaldesa aposta por aproveitar o potencial do patrimonio histórico-artístico de Lugo para dinamizar a economía a nivel local, polo que pide ao Goberno autonómico que incremente a súa asignación de fondos.

A rexedora municipal coñeceu da man da profesora de Arqueoloxía da USC, Pilar Prieto, os últimos avances neste importante achado, que data de finais da idade de Bronce.

Venres, 08 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos esixe á Xunta unha maior dotación de recursos para investigar o xacemento funerario do Corro do Mouro, único en Galicia

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, visitou o Corro do Mouro, o xacemento arqueolóxico situado na parroquia lucense de Adai, onde esixiu á Xunta unha maior dotación económica para investigar este xacemento funerario, datado nos anos finais da Idade de Bronce, e único en Galicia.  Alvarellos Fondo visitou por segunda vez o denominado tamén como Roda de Adai da man da profesora de Arqueoloxía da USC, Pilar Prieto, que dirixe o equipo que está a levar a cabo ditas investigacións. Para a rexedora municipal “o potencial investigador do coñecido como O Castrillón de Adai é excepcional”, polo que considera que “é necesario que o Goberno autonómico incremente a súa asignación de fondos para investigar, recuperar e poñer en valor o noso patrimonio histórico-artístico. O investimento ao longo dos últimos anos foi a todas luces insuficiente. A Xunta non está a mostrar o compromiso necesario para que toda a potencialidade do noso municipio nesta materia poida traducirse en factor de desenvolvemento económico a nivel local”.

Para o estudio adecuado deste xacemento e con iso arroxar máis luz sobre estes descubrimentos e a historia de Lugo “é imprescindible un compromiso maior por parte da administración autonómica, que permita seguir investigando neste conxunto arqueolóxico, ao tempo que se traballa para que logre a máxima protección”, sinalou Paula Alvarellos. Ademais, a alcaldesa explica que “non só se trata de achados moi importantes para Lugo, senón que, dados os estudios realizados e ante os primeiros resultados, xa se confirmou que estamos ante un xacemento único en Galicia, cunhas posibilidades e cun potencial para futuras investigacións enormes”.  

A rexedora municipal fai fincapé neste aspecto e apunta que “este xacemento ou o templo de Santa Eulalia de Bóveda, son un exemplo do noso potencial e de vestixios únicos da súa época e do seu xénero. Por iso é responsabilidade do Goberno autonómico avanzar na súa investigación, conservación e divulgación. Apostamos por que o noso patrimonio aumente a súa capacidade de xerar riqueza a nivel local e por atraer tanto turismo cultural como prestixio internacional, pero para iso necesitamos que cada administración asuma as súas competencias”.

Lugar estratéxico de uso cerimonial

A profesora da USC informou á alcaldesa de que as investigacións levadas a cabo neste xacemento confirman a hipótese de que este xacemento é un enorme centro funerario de finais da Idade de Bronce, un conxunto arqueolóxico único en Galicia, que ademais ten aínda un enorme potencial, ante a presencia nesta zona de petroglifos, mámoas, círculo líticos, cabanas prehistóricas, dolmens, castros e tamén de cerámicas similares ás descubertas en Penarrubia.

Paula Alvarellos tivo a oportunidade de percorrer a Roda e comprobar os pasos dados desde a súa anterior visita á zona, principalmente os resultados das escavacións antes de que se procedera a cubrir este espacio. Segundo explicou a experta Pilar Prieto, investigadora dos grupos EcoPasr e Cispac da USC, os achados confirmaron as primeiras impresións, é dicir, que se trataba dun centro funerario, dun gran espacio nun lugar estratéxico, pero de uso cerimonial. De feito Prieto ensinou á rexedora algunhas das moitas pedras de cuarzo branco atopadas na zona, e que formaban parte dun gran muro de contención e dun súper anel visible desde calquera punto polas características da citada pedra.

As escavacións, desenvolvidas nunha superficie de 1,5 por 17 metros cadrados, serviron para constatar a conservación desa gran construción integrada por un muro de pedra de case dous metros de altura que, se cre, tiña reforzada a súa cara exterior por xadre de moi boa calidade que formaban un dos dous muros de contención de case 3 metros de ancho, ademais de por un foso exterior. As investigacións apuntan tamén, segundo explicou a profesora Pilar Prieto, a que o lugar onde se descubriu a Roda estaba orientado ao sur respondendo así ao simbolismo das mámoas.

Na súa visita a toda esta zona da parroquia lucense de Adai, Prieto confirmou á alcaldesa non só o ben conservado que estaba este muro senón tamén outros elementos que converten este xacemento nunha zona única pola conservación, por exemplo de cazoletas, o que en arqueoloxía se denominan aos pequenos ocos escavados nas rochas, acompañados de petroglifos e gravados rupestres, e que neste caso poden responder á presencia de cabanas da segunda metade da Idade de Bronce.  En definitiva, Prieto sinalou que “de confirmarse todas as nosas hipóteses poderíamos estar ante un auténtico acontecemento a nivel científico e divulgativo, de aí a importancia de continuar coas investigacións”.

Multimedia

  • Paula Alvarellos esixe á Xunta unha maior dotación de recursos para investigar o xacemento funerario do Corro do Mouro, único en Galicia
  • Paula Alvarellos esixe á Xunta unha maior dotación de recursos para investigar o xacemento funerario do Corro do Mouro, único en Galicia

Noticias relacionadas