O acordo establece que o Concello cederá os terreos e a CHMS asumirá a redacción e a execución do proxecto para logo ceder a dotación á Administración local.
O obxectivo é conectar ambos espazos e mellorar a biodiversidade, cunha nova senda de 600 metros de lonxitude, ao tempo que se crea unha barreira natural coa N-VI.
“Con este proxecto damos un paso máis cara ao remate do cinto verde, mellorando a conectividade da cidade”, sinalou a alcaldesa Paula Alvarellos.
Para o presidente da CHMS, “A nova dotación, cun investimento duns 200.000 euros, demostra o noso compromiso con Lugo e pola posta en valor da súa riqueza ambiental”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o convenio que permitirá a unión dos parques do Rato e do Miño, coa creación dunha nova zona verde paralela ao río, duns 600 metros de lonxitude. Esta colaboración interadministrativa queda recollida no acordo, que contempla a cesión dos terreos necesarios por parte do Concello, e por outra banda a redacción e execución do proxecto, por parte do Organismo de Conca, quen despois cederá a nova dotación á Administración local, quen se encargará do seu mantemento e conservación.
A rexedora municipal destacou que “coa sinatura deste convenio damos un paso máis cara ao remate do cinto verde, mellorando a conectividade da cidade, a biodiversidade e a posta en valor dunha zona moi empregada e valorada pola cidadanía, que contará cunha senda de 600 metros de lonxitude, ao tempo que se crea unha barreira natural coa N-VI”. Ademais, Paula Alvarellos insistiu en que con este proxecto cumprimos un dos nosos obxectivos de Goberno, como é avanzar na incorporación da contorna fluvial á vida na cidade”.
Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, puxo en valor “a colaboración entre administracións para sacar adiante proxectos como este” ao tempo que destacou o investimento duns 200.000 euros que se destinarán a este proxecto, que ao seu xuízo “demostra o noso compromiso con Lugo e pola posta en valor da súa riqueza ambiental. Seguiremos a colaborar co obxectivo de que a cidadanía de Lugo poida gozar desta contorna cunha nova dotación que contribuirá a concienciar sobre a necesidade de conservar este tipos de espazos”.
Optimizar a mobilidade na zona periurbana é un dos principais obxectivos do proxecto que recolle o convenio asinado esta mañá; un acordo que contempla, entre outras actuacións, mellorar a biodiversidade, crear unha barreira natural coa N-VI e habilitar unha nova senda de 600 metros de lonxitude. Esta nova dotación, que unirá os parques do Rato e do Miño, completará un gran cinto verde transitable, que na actualidade xa dispón de máis de 30 quilómetros de carreiros conectados paralelos ao río.
Audio
- Paula Alvarello e José Antonio Quiroga sobre o convenio | Descargar mp3


