Os veciños e veciñas da Ponte propoñen aumentar a frecuencia horaria das liñas de bus ao seu paso polo barrio

A Alcaldesa mantivo este luns unha reunión neste barrio, a oitava da campaña Móvete por Lugo, posta en marcha polo Concello para adaptar o transporte de viaxeiros ás necesidades actuais da cidade e dos lucenses

Mañá terán lugar os vindeiros encontros, ás 19:00 horas no Ceao e ás 21:00 horas nas Gándaras. Xunto ás reunións, os lucenses poden participar a través de moveteporlugo@concellodelugo.org, www.lugo.gal ou no 010

Luns, 23 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os veciños e veciñas da Ponte plantexaron este luns á Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, nun encontro celebrado no local social deste barrio, as súas propostas para mellorar as liñas de bus ao seu paso pola zona. Unha vintena de veciños participaron neste encontro, o oitavo enmarcado dentro da campaña Móvete por Lugo, posta en marcha polo Concello, aproveitando a nova concesión do transporte de viaxeiros, para adaptalo ás necesidades actuais da cidade e dos lucenses.

Unha petición xeneralizada dos asistentes foi aumentar a frecuencia do bus urbano ao seu paso polo barrio. Tamén se plantexou a colocación de marquesiñas nas paradas existentes. A preguntas dos asistentes, a rexedora avanzou que o novo contrato inclúe microbuses, posibilidade que se contemplará para as liñas que transcorren por este barrio.

Ademais destas xuntanzas, o Concello ten abertas outras tres vías de participación: online, no enderezo electrónico moveteporlugo@concellodelugo.org ou www.lugo.gal, e a través do Servizo de Atención Cidadá 010.

Lara Méndez achegarase mañá ao Ceao, ás 19:00 horas, para manter unha xuntanza aberta no Local da Asociación de Empresarios deste polígono, e logo, ás 21:00 horas, ao Local Social das Gándaras; tras a reunión deste luns na Ponte e logo de achegarse á Abella, á Milagrosa, á Residencia, ao Sagrado Corazón, a Fontiñas, a Fingoi e á Piringalla. O Concello ten convocado aos veciños de Esperante o xoves ás 20:30 horas. En base ao manifestado polos lucenses tanto nas xuntanzas como nas outras vías de participación e tras estudar a viabilidade das propostas, o Concello porá en marcha o novo servizo do transporte público de viaxeiros, o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España.

Noticias relacionadas