Os industriais da Praza de Abastos atenderán dende mañá e durante 33 días na Praza da Soidade e no Mercado Municipal

Nese tempo, a zona de aparcamento da rúa Quiroga Ballesteros quedará reservada para os camións frigorífico e para os comerciantes que necesiten ter o seu vehículo industrial de apoio

A reubicación durante as obras de modernización da praza non ten custe algún para os industriais, que decidiron a localización por maioría nunha xuntanza

Luns, 09 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Praza de Abastos

Os industriais da Praza de Abastos atenderán dende mañá e durante 33 días na Praza da Soidade e no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros, por mor das obras de modernización da praza, que contan cun orzamento dun millón de euros, financiados ao 80% pola Unión Europea a través do Plan Urbano. Trátase dunha reubicación sen ningún custe para os industriais. A localización, no mercado municipal de Quiroga Ballesteros (os negocios de peixe e carne) e baixo unha carpa na Praza da Soidade, decidírona por maioría os propios comerciantes nunha reunión celebrada o 26 de outubro coa Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

Durante os 33 días de peche, a empresa adxudicataria acometerá obra por valor de 560.000 euros, a metade do orzamento total do proxecto, que persegue mellorar a competitividade e o posicionamento dos negocios actuais, así como a propia imaxe da praza e busca favorecer o desenvolvemento da economía local. Os comerciantes volverán a ocupar o seu posto habitual na praza o luns 14 de decembro, quedando de novo aberta ao público. 

Durante o traslado, que estará finalizado ao longo desta tarde, todos os comerciantes deberán protexer debidamente o material que quede en cada un dos postos, ao igual que o motor dos altillos, nos que non debe quedar ningún material. No transcurso das obras, os industriais poderán acceder ás cámaras da planta baixa da praza en horario de 7:00 a 8:00 horas e de 14:00 a 15:00 a través dun corredor realizado con valos na obra, cumprindo as medidas de seguridade.

O Concello dotará ao Mercado Municipal cunha persoa para a limpeza de xeito permanente mentres dure a reubicación, así como dun garda de seguridade á carpa instalada na Praza da Soidade.

Quiroga Ballesteros, reservada para camións frigoríficos

A partir de mañá, a zona de aparcamento da rúa Quiroga Ballesteros quedará reservada para os camións frigoríficos e para os comerciantes que necesiten ter o seu vehículo industrial de apoio. Non se reserva este espazo para turismos.

Multimedia

  • Praza de Abastos

Noticias relacionadas