Os bombeiros de Lugo estrean un camión escaleira de 42 metros, o que garante a evacuación de calquera edificio da cidade

A Alcaldesa e membros da Corporación presenciaron este venres a proba que os efectivos do Parque realizaron con este novo vehículo, ao que o Concello destinou preto de 1M€

“Como fixemos dende que comezamos a gobernar, seguiremos apostando por mellorar o equipamento dos bombeiros e por ampliar a plantilla”, subliñou Méndez, quen precisou que nos últimos meses se investiron uns 130.000€

O servizo atendeu un total de 434 incidencias no 2015, das cales preto dun 40% foron incendios, seguidos de salvamentos ou rescates

Venres, 15 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os bombeiros de Lugo estrean un camión escaleira de 42 metros, o que garante a evacuación de calquera edificio da cidade

Dende hoxe a seguridade dos lucenses está reforzada. Os bombeiros de Lugo contan cun camión escaleira que alcanza 42 metros de altura, o que equivale a unha planta 13 ou 14. Calquera edificio de Lugo pode ser evacuado grazas a esta nova dotación que foi presentada este venres ao público, nun acto ao que asistiu a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e outros membros da Corporación Municipal, e que incluíu unha demostración do seu funcionamento.

“Este novo equipamento co que o Concello dota ao Parque de Bombeiros Municipal e aos seus 45 profesionais supón unha importante mellora na seguridade dos veciños e veciñas da nosa cidade, ao facilitar as tarefas de rescate en situacións de emerxencia”; destacou a rexedora.

O Concello destinou á compra deste vehículo 950.000 euros, un “investimento imprescindible”, tal e como o definiu Méndez, pois “toda dotación que garanta a seguridade dos nosos veciños e facilite o traballo dos profesionais que velan por ela non é un gasto senón un investimento”.

O camión escaleira, da marca alemana Magirus, facilitaralle o traballo ao corpo de bombeiros, xa que o último tramo da escaleira, uns 6 metros, é articulado. Leva unha tubaría que permitirá a subministración directa de auga á zona da cesta, con capacidae para unhas 4 persoas con equipos de protección.

Este novo vehículo, co que o Parque de Bombeiros conta a partir de hoxe cunha flota de 8 camións, complementará á escaleira de 30 metros de largo adquirida hai uns 25 anos que utilizaban ata agora os bombeiros e que pode estenderse ata unha sétima planta.

O camión que se incorpora ao Parque de Bombeiros dispón de tecnoloxía avanzada que permite altas prestacións. Por exemplo, memoriza as manobras realizadas nun espazo de quince minutos, repetíndoas automaticamente en caso de ser preciso, o cal facilita moito o traballo dos bombeiros en casos de especial complexidade. Ademais, a escaleira conta con proxección perpendicular de subida e de baixada, así como cun grupo electróxeno capaz de accionarse dende o cesto e un sistema de iluminación que permite realizar maniobras de rescate durante a noite. Para o seu manexo son necesarios dous profesionais, aínda que nas saídas nas que sexa preciso utilizalo sairán tres nel.

Melloras nos equipos e ampliación da plantilla

No acto, a Alcaldesa avanzou que “este Goberno municipal, como fixemos dende que comezamos a gobernar, aposta e seguirá apostando pola mellora de equipamento dos bombeiros e por incrementar a plantilla, algo que sabemos que é necesario”.

Neste senso, Méndez deu a coñecer as últimas melloras acometidas no parque, unhas actuacións para as que o Concello destinou 130.000 euros. Trátase do acondicionamento da torre de prácticas, que levaba sen mantenemento dende hai 20 anos, e que se empregarán en vindeiros días nun curso de rescate urbano para 30 persoas, da instalación de extractores de gases nos camión e da adquisición dun armario para as recargas de botellas dos equipamentos de respiración.

Incendios, o 40% das emerxencias atendidas

O parque de bombeiros de Lugo atendeu un total de 434 incidencias no 2015, das cales preto dun 40% foron incendios. En concreto, os profesionais do complexo lucense actuaron en 156 incendios en vivendas ou alpendres e 17 salvamentos ou rescates. O resto de actuacións obedecen a outras casuísticas, como por exemplo, a retirada de materiais e obxectos da vía pública, fugas de auga ou apertura de portas. O servizo de bombeiros tamén rexistrou neste período 95 falsas alarmas.

En canto á distribución temporal, xuño foi o mes no que se rexistrou o maior número de incidencias atendidas polos bombeiros, un total de 54, seguido de xullo, con 45. Pola contra, o mes de menor actividade foi decembro, con 18 intervencións.

Audio

  • Lara Méndez, sobre as melloras no corpo de bombeiros de Lugo|Descargar mp3

Noticias relacionadas