A oferta de emprego público de 2019, a 5ª que impulsa o Goberno, cubrirá o 100% das xubilacións dos policías locais deste ano

Ante a escaseza de plantilla e a entrada en vigor do decreto que regula a xubilación anticipada dos axentes, o Executivo traballou con previsión e incluíu ademais nas catro OPEs que ten aprobadas 19 prazas de policía, 4 delas de promoción interna para inspectores, unha de inspector principal e outra de intendente

Mércores, 09 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou este mércores que, ante a escaseza de plantilla da Policía Local e a previsión da xubilación do xefe do corpo e a entrada en vigor do Real Decreto Lei que regula a xubilación anticipada dos axentes, co que pasan a poder solicitala con 59 anos en caso de acreditar 37 de actividade efectiva e cotización, o Goberno traballou con previsión e incluíu nas catro ofertas de emprego público que sacou adiante (2015, 2016, 2017 e 2018) un total de 19 prazas de policía, 8 de quenda libre e 11 de promoción interna, neste caso 4 para ascender a inspector, unha a inspector principal e unha a intendente.

Ademais, o voceiro anunciou que, en canto remate o prazo que establece o decreto de xubilación anticipada para que os axentes comuniquen a súa intención de acollerse ao mesmo neste ano, isto é, o 31 de xaneiro, o Goberno presentará a oferta de emprego público deste 2019, a 5ª que impulsa no que vai de mandato, que cubrirá o 100% das xubilacións producidas, e contemplará a promoción interna para tres inspectores. A día de hoxe, hai 22 axentes que pediron a xubilación.

Estas son as medidas inmediatas, nas que leva tempo traballando o Executivo, que, segundo avanzou tamén Miguel Fernández, está estudando outras decisións, que dará a coñecer en canto estean pechadas para garantir o axeitado dimensionamento da plantilla da Policía Local.

O voceiro asegurou que todos os concellos galegos están vivindo unha situación “un tanto anómala” trala entrada en vigor do decreto de xubilación anticipada da Policía, que “se pronuncia quizais en Lugo porque a media de idade dos traballadores municipais é bastante elevada, de 55 anos ou máis, e que é máis agudizada en Galicia que noutras comunidades porque a normativa autonómica impide a cobertura de prazas con funcionarios interinos na Policía”.

Por outra banda, con respecto ás manifestacións do Partido Popular sobre o aparcamento da praza Viana do Castelo, Miguel Fernández informou de que o Concello ten en marcha unha inspección de tributos ao respecto que leva a cabo o servizo correspondente, Facenda Local, e  sobre a que é obriga manter o sixilo ata finalizar o procedemento.

Audio

  • O concelleiro Miguel Fernández, sobre a escaseza da plantilla da Policía Local | Descargar mp3

Noticias relacionadas