Será a novena execución que se desenvolverá con axudas do IDAE e que se enmarcan no modelo de cidade verde e menos contaminante polo que aposta o Goberno de Lara Méndez
Actuarase nas fachadas, cubertas, falsos teitos, ventanas e portas para reducir á metade o consumo do edificio, o que suporá un aforro anual de 12.436 euros
Álvaro Santos: “Non só conseguiremos mellorar o rendemento enerxético do inmoble, un abaratamento de custes e un mellor comportamento medioambiental, senón que tamén melloramos a habitabilidade e o propio confort dos usuarios”

O Goberno de Lara Méndez desenvolverá obras de eficiencia enerxética do Centro Social da Milagrosa, nas que se investirán 431.668 euros. Así o avanzou o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, quen apuntou que “do total, 342.645 euros proceden da subvención que vimos de acadar do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, mentres que a aportación municipal ascende a 89.023 euros”.
Esta é a novena actuación de mellora enerxética en edificios municipais que ven de ser aprobada polos fondos IDAE, e que suporá un investimento total de 3,7 millóns de euros. O financiamento que o Concello de Lugo aportará nas mesmas poderá amortizalo en pouco máis de dous anos grazas ao aforro de custes final.
Nas obras concretas do Centro Social da Milagrosa, o Concello levará a cabo a reforma dos cerramentos do inmoble, co obxectivo de acadar unha tempertura óptima nas súas dependencias, a través de diferentes actuacións nas fachadas, cubertas, falsos teitos, ventanas e portas, reducindo a demanda enerxética de calefacción e, polo tanto, o seu consumo e emisións de dióxido de carbono.
Neste senso, o edil apuntou que “con estas actuacións non só conseguiremos mellorar o rendemento enerxético do inmoble, que reducirá prácticamente á metade o seu consumo, un abaratamento de custes e un mellor comportamento medioambiental, senón que tamén melloramos a habitabilidade e o propio confort dos usuarios”.
En concreto os traballos contemplan:
- Nas fachadas: intalación dun sistema de illamento térmico polo exterior SATE baseada en adherir placas de poliestireno expandido EPS, mediante unha capa de morteiro de pegado e malla embutida e segunda capa de morteiro coloreado como capa de terminación.
- Nas cubertas: rehabilitación enerxética, mediante a execución dun cuberta plana transitable, non ventilada, solado fixo, tipo invertida.
- Illamento por falsos teitos: dispoñeranse no forxado baixo cuberta de dous paneis superpostos de illamento de la mineral Area de 50 mm de espesor.
- Carpinterías exteriores: substituirase toda a carpintería por novas follas de carpintería exterior corredeira de aluminio anodizado con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento Climalit.
Estas obras permitirán unha redución do consumo enerxético anual dun 49%, o que suporá un aforro de 12.436 euros ao ano no gasto eléctrico. Así mesmo, reduciranse nun 50,5% as emisións de tCO2.
Mellora da eficiencia enerxética en dependencias municipais
Estas actuacións súmanse ás que se levarán a cabo no centro social de Fingoi, a EDAR e a ETAP, o edificio administrativo do Seminario, o edificio de Vías e Obras, as piscinas de Frigsa e As Pedreiras e a Casa do Deporte, cun investimento de 3,3 millóns de euros, dos cales 2,6 millóns proceden de subvencións do IDAE, e que suporán aforros enerxéticos de entre un 18 e un 42% e a redución de emisións de CO2 á atmosfera, principal causante do efecto invernadoiro, que nalgún dos casos alcanzará o 74,5%.
Así mesmo, Álvaro Santos apuntou que “actualmente estamos á espera de que o IDAE resolva a última solicitude de subvención que presentamos dende o Concello para a creación dunha rede de calor con biomasa na zona das Pedreiras coa que dar servizo ás instalacións da piscina municipal e que tamén podería atender a varias das edificacións do Campus Sur”.
O edil lembrou que “este proxecto é especialmente ambicioso, pero para Lugo non sería novidosa a actuación xa que este concello foi pioneiro en Galicia no mandato pasado na posta en marcha dunha rede de biomasa, que é a de Frigsa”. A rede conseguiu reducir á metade o gasto en combustible nos edificios aos que dá servizo. Neste senso, xa foi posta en valor durante a COP25 como exemplo de sostibilidade e valores medioambientais impulsados dende as administracións locais de España.
Audio
-
O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o Centro Social da Milagrosa | Descargar mp3