O San Froilán 2016, que conta con máis de 200 actividades para entreter a todos os públicos, dedica un día ao Camiño Primitivo

A Alcaldesa e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua presentaron no recinto feiral o programa destes festexos, “confeccionado coa mellor das ilusións e dentro das posibilidades económicas do Concello

Manteranse actividades de gran tradición, como os fogos artificiais, o desfile de gando ou, o concurso de polbeiros, que se suman a unha homenaxe a Manuel María, un concurso de foto e vídeo ou un espectáculo pirotécnico na Praza Maior

Alsa ofrecerá descontos dun 25% para os que se acheguen a Lugo entre os días 1 de setembro e 14 de outubro

Os días 4, 8 e 11 de outubro, as liñas 3A, 4, 6 e 7A prolongarán o seu servizo ata as 03:00 horas, e os días 5, 9 e 12, as liñas 3AE, 4E, 5E, 6E, ata as 02:00 horas. O Concello habilitará 4 zonas de estacionamento disuasorias

Venres, 23 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O San Froilán 2016, que conta con máis de 200 actividades para entreter a todos os públicos, dedica un día ao Camiño Primitivo

Lugo visualiza xa os días grandes de outubro, nos que celebra as Festas do San Froilán. O recinto feiral xa se engalana para celebrar estes festexos que terán lugar do 4 ao 12 de outubro, e para os cales o Concello deseñou un completo programa de actividades pensada en todos e para todos, que presentaron este mañá, no Parque de Rosalía, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Ao acto tamén asistiron representantes do grupo musical lugués de jazz Foolmarkers, compositores da banda sonora deste San Froilán 2016, Torre de Núñez, Vinissi, un dos stands que participarán no Gastroarte, a Banda Municipal de Lugo, a Asociación Lugo Rock, a agrupación de Lugo Djs Seven Airways, Airiños de Orbazai e a orquestra luguesa Acordes, así como Lupe Bao, a oferente a Rosalía de Castro, e Paco Nieto, o pregoeiro destes festexos.

Durante a presentación, a Alcaldesa, quen definiu o San Froilán como “a grande festa patronal de Lugo, que por moitas razóns poden tamén aspirar a ser considerada como maior de Galicia polo ben que soubo manter a parte tradicional con non renunciar á modernidade, conciliando estas dúas vertentes”, destacou que se trata dun “completo programa confeccionado coa mellor das ilusións e dentro das posibilidades económicas do Concello”, de máis de 200 actividades para entreter a todos os públicos e para todos os sectores, medio cento delas totalmente novas.

Nesta liña, Lara Méndez subliñou a alta participación na organización destes festexos, dende a propia Comisión de Festas, coas aportacións dos distintos grupos políticos que forman a Corporación, así como polas achegas da cidadanía, a través de redes sociais, “que fan que o San Froilán sexa todo un referente”.

Tradición e modernidade
Neste San Froilán manteranse actividades de gran tradición, como os fogos artificiais, o desfile de gando, o concurso de polbeiros, Os Pelúdez, a feira de antigüidades ou a feira medieval, que se sumarán ás novidades. Neste ano, o 11 de outubro, será o Día do Camiño Primitivo, con actos como un paseo polo Camiño, a maxia ou a recepción das Alcaldesas e Alcaldes do Camiño. O Goberno quere institucionalizar o Día do Camiño dentro da programación do San Froilán pola proxección que supón para a cidade. Ademais, o día 6 de outubro, celebrarase o día de Manuel María, coincidindo co aniversario do seu nacemento, cun concerto da Quenlla, que interpretará os poemas de Manuel María.

Entre as novidades, este San Froilán inclúe tamén un concurso de fotografía e vídeo, con premios de 750, 600 e 450 euros, unha exposición fotográfica en diferentes rúas da cidade, un espectáculo pirotécnico na praza Maior ou un gran concerto conxunto das 2 bandas de música máis relevantes de Galicia. Gastroarte tamén mudará nesta ocasión de situación, situándose na rúa Puro Cora, no propio feiral.

A Alcaldesa aproveitou a ocasión para convidar a vivir “a festa máis fermosa do outono galego” e a gozar coas distintas actuacións que ten preparadas o Concello, como as das charangas e grupos tradicionais por todos os barrios da cidade, sesións vermú coas bandas de rock de Lugo en distintas prazas e verbenas con orquestras de renome e con orquestras de denominación de orixe Lugo.

Pola súa banda Carmen Basadre fixo un recorrido pola programación destas festas, lembrando os concertos da “nosa xente, dos Djs, os grupos de rock de Lugo ou os pasarrúas”, así como as actuacións de Fuel Fandango, a orquestra de jazz de Galicia, Bebe, Roi Casal, Carlos Núñez ou unha exposición solidaria de Somos Unidos contra o Cancro. Así mesmo, agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores, como Alsa, cuxo representantes estivo presente na presentación, que ofrecerá descontos nos buses para viaxar a Lugo do 1 de setembro ao 14 de outubro.

“Queremos que o San Froilán sexa cada vez máis participativo, en onde a xente de Lugo estea cada vez máis presente, sen esquecer os grandes concertos, que chaman á xente, para todos os públicos, dende os maiores, a quen se lle dedica un día especial no San Froilán”, concluíu a edil, quen recomendou a boa gastronomía, os bos concertos e o bo ambiente na rúa destes festexos.

Proxección de Lugo
Lara Méndez destacou a proxección social e turística e o alcance económico do San Froilán, que o pasado ano deixou na cidade 11,5 millóns de euros e ata un 97% de ocupación hoteleira, concentrándose en Lugo unhas 570.000 persoas, “o que demostra que seguimos sendo un referente”. Nesta liña, a rexedora lembrou que o pasado ano pasaron polo posto de información turística instalado polo Concello tanto na Praza Maior como na Praza do Campo máis de 10.000 persoas, da provincia, da comunidade, do territorio e ata doutros países, como Portugal, onde o Concello realizará este ano unha proxección importante.

San Froilán Miúdo
Os cativos tamén terán a súa parte de lecer co San Froilán Miúdo, que conta cunhas 30 actividades. No aparcadoiro do seminario haberá 3 zonas simultáneas, unha de karaoke, outra de maxia e unha última de cine. Tamén haberá actividades para bebés e os diferentes días estarán dedicados ao canto e escoita (4), música e pallasos (5), da natureza e da maxia (6), dos bebés e da maxia (7), da reciclaxe e dos monicreques (8), da música e o baile tradicional (9), da ciencia e do cinema (10), do baile artístico (11) e do jazz e da primeira infancia (12).

O San Froilán máis deportivo
Do 30 de setembro ao 12 de outubro haberá máis de 23 citas deportivas, dunhas 15 modalidades diferentes, entre as que se atopa tenis, balonmán, hockei, golf, tiro con arco, atletismo, boxeo, judo, ou béisbol, na que se reúnen os 2.000 deportistas, dende os de base aos de elite. Desenvolveranse en 6 instalacións municipais (Pavillón Municipal, O Palomar, Daniel Cordido, Casa do Deporte, campo Germán López Vila e no campo da Cheda),  así como no Campo de Golf de Lugo, na Avenida Ramón Ferreiro, no estadio Anxo Carro, no Club Fluvial, no Pool Bar Tiempos Modernos, e no Pazo Provincial dos Deportes.

Prolongación dos buses urbanos
Os días 4, 8 e 11 de outubro, as liñas 3A, 4, 6 e 7A prolongarán o seu servizo ata as 03:00 horas, e os días 5, 9 e 12, as liñas 3AE, 4E, 5E, 6E, ata as 02:00 horas. O Concello habilitará 4 zonas de estacionamento disuasorias, dúas en Campos Novos, As Termas e rúa das Artes. Do mesmo xeito, haberá un servizo especial de bus que conectará estas zonas co recinto feiral, os días 4, 8 e 11, de 22:00 a 03:00 horas, e 5, 9 e 12, de 12:00 a 02:00 horas.

Orzamento
O Concello destina uns 620.000 euros á organización destas festas, que constitúen un escaparate nacional e internacional de Lugo.Ademais, a entidade local reparte máis de 45.000 programas.

Máis información do San Froilán 2016 na web www.lugo.gal.

Documento

Audio

  • Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo, sobre a programación do San Froilán 2016 | Descargar mp3
  • Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, sobre a programación do San Froilán 2016 | Descargar mp3

 

Multimedia

  • O San Froilán 2016, que conta con máis de 200 actividades para entreter a todos os públicos, dedica un día ao Camiño Primitivo

Noticias relacionadas