O Pleno aproba o convenio que dá luz verde á construción dunha nova escola infantil pública na cidade

O Concello achega os terreos, na zona das Termas, a Fundación Amancio Ortega construirá a gardería e dotaraa de equipamento e o Consorcio de Igualdade e Benestar ocuparase da súa posta en funcionamento e xestión

Xoves, 30 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Corporación municipal aprobou no Pleno ordinario deste xoves, cos votos a favor de PSdeG e PP e a abstención do resto dos grupos municipais, o convenio a tres bandas entre Concello, Fundación Amancio Ortega e Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que dá luz verde á construción dunha nova escola pública de 82 prazas na cidade, na zona das Termas.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, explicou os termos do acordo, segundo o que o Concello pon os terreos a disposición do Consorcio e pasa a integrarse neste ente autonómico, a Fundación Amancio Ortega ocuparase da redacción do proxecto, a construcción das instalacións e o equipamento e dotación inicial de mobiliario e material didáctico, e o Consorcio da súa posta en funcionamento e xestión, formando parte da rede pública de centros da entidade.

Segundo o convenio, o prazo máximo para o inicio da obra de construción, unha vez posto o terreo a disposición da FAO, é de seis meses dende a obtención dos permisos ou licenzas necesarias para elo, non podendo transcorrer máis de doce meses dende a data de inicio ata a súa finalización. Para o seguimento e avaliación do convenio crearase unha comisión mixta que estará integrada por un representante do Consorcio, dous da FAO e un do Concello, e que se reunirá cando así o solicite algunha das partes e, cando menos, cunha periodicidade semestral.

Para o Goberno local, a escola infantil promovida pola Fundación Amancio Ortega é un proxecto prioritario e necesario para a cidade, dada a ampla demanda de prazas de gardería. Na actualidade, existen 4 escolas municipais que ofrecen 238 prazas e 2 centros de titularidade autonómica, nos que máis de 270 nenos e nenas figuran en lista de espera.

Os terreos que o Concello puxo a disposición a través dunha mutación demanial subxectiva teñen unha superficie de 3.800 metros cadrados, nunha parcela de 6.032 metros, cualificada como Equipamento Comunitario no PXOM. Dito terreo contará cun fronte de 76 metros que dá a unha rúa de nova apertura, paralela á Avenida Paulo Fabio Máximo, e un fondo de 50 metros.

Esta mutación subxectiva, é dicir, cambiar a titularidade dun ben sen modificar o seu destino público, terá unha duración de 25 anos, prorrogables outros 25. Unha vez transcorrido o prazo previsto para a mutación demanial do terreo a favor do Consorcio, producirase a reversión gratuíta de todo o construído no mesmo, debendo manterse o uso do inmoble, cando menos por un período de 50 anos.

Noticias relacionadas