O período medio de pago do Concello aos provedores nos últimos 10 meses foi de 13 días

O número de minutas liberadas en prazo subiu un 68% entre o primeiro e último trimestre do ano

Luns, 18 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Na habitual lectura sesgada que fai o PP dos informes técnicos municipais esquecéuselle mencionar que o Concello de Lugo mantén o período medio de pago aos provedores por debaixo do límite legal dende hai dez meses. En concreto, paga nunha media de 13 días dende o pasado abril.

Son datos que figuran no informe de morosidade do 2018 elaborado polo servizo municipal de Tesourería do que dará conta o Goberno á Corporación no vindeiro Pleno. Segundo este documento, o  Concello pagou no 2018 un total de 17.238 facturas por importe de 42,8M€. Ao PP tamén se lle esqueceu mencionar a evolución positiva dos pagos entre o primeiro e o último trimestre do ano: o número de facturas libradas en prazo aumentou un 68% ao pasar de 565 a 1.755, e o número delas pendentes de pago baixou un 12% entre o principio e o final de ano. Uns datos indicativos da mellora da xestión neste eido, na que o Goberno seguirá traballando.

O informe recalca tamén que non existe un problema de liquidez e que o importes das facturas das compañías eléctricas supón a maior parte da cantidade das facturas pendentes de pago, problema que o Executivo abordou coa recente licitación nun só contrato de todo o subministro eléctrico municipal de media e baixa tensión, o que, ademais dun aforro económico, axilizará a tramitación administrativa das minutas e, polo tanto, contribuirá a reducir os prazos de pago.

Noticias relacionadas