O novo urbanismo de Lugo consiste en devolverlle os espazos á veciñanza: o Goberno elimina o tapón urbanístico da Avda. da Coruña

A Alcaldesa avanzoulles aos veciños e veciñas da zona que na Xunta de Goberno de mañá se aprobará, de xeito inicial, tanto o proxecto de expropiación parcial dos terreos que constitúen este tapón como o de urbanización, cun orzamento total duns 102.000 euros

Tras a aprobación inicial, os acordos someteranse a exposición pública un mes para logo aprobarse de xeito definitivo, momento no que se sacarán as obras a contratación. Estímase que a finais de ano ou principios do que vén estarán rematadas

Martes, 24 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O novo urbanismo de Lugo consiste en devolverlle os espazos á veciñanza: o Goberno elimina o tapón urbanístico da Avda. da Coruña

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este martes unha nova acción enmarcada dentro do modelo de urbanismo do Goberno de Lugo, que consiste en devolverlle os espazos públicos á veciñanza. Nesta liña, a rexedora avanzou que na Xunta de Goberno de mañá mércores se aprobará, de xeito inicial, o proxecto de expropiación parcial dos terreos fóra de aliñación que costitúen o tapón urbanístico da Avenida da Coruña, que a día de hoxe invaden a beirarrúa, dificultando o paso de peóns.

A Alcaldesa, que estivo acompañada polo Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, o xerente de Evislusa, Benigno Jáuregi, e unha trintena de veciños e veciñas; lembrou que se trata dunha decisión feita con axilidade e con responsabilidade, meses despois de que os veciños e veciñas lle puxeran en coñecemento este problema, e tras avanzarlles o 10 de xaneiro que Evislusa redactaría dito proxecto de obtención dos terreos, que foi informado favorablemente polo servizo municipal de Enxeñaría.

Este proxecto, tal e como adiantou Méndez, afecta a varias parcelas, cunha superficie total de expropiación de 172 metros cadrados e cunha valoración que ascende a 60.720 euros. Concretamente, son tres parcelas de 15 propietarios e unha folla de indemnización pola extinción de contrato dun valo publicitario.

Así mesmo, a Alcaldesa tamén avanzou que na sesión de mañá se aprobará, tamén de xeito inicial, o proxecto de urbanización destes terreos, que redactou a Empresa Municipal de Vivenda e Solo, cun orzamento, por contrata, de 41.404 euros. Tras esta aprobación inicial, ambos os dous acordos someteranse a exposición pública polo prazo dun mes para logo aprobarse de xeito definitivo, momento no que se sacarán as obras a contratación. Deste xeito, estímase que a finais de ano ou principios do que vén estarán rematadas.

Estas inversións, dun total duns 102.000 euros, realízanse tras a aprobación das modificacións de crédito, grazas ás que se habilitou o orzamento necesario para acometer a eliminación deste tapón urbanístico, garantindo ademais a seguridade viaria do peón, nesta vía, arteria de comunicación da cidade.

Con esta nova decisión, Lugo avanza cara a converterse nunha cidade máis amable, máis amigo e sobre todo, unha cidade inclusiva.

Audio

Multimedia

  • O novo urbanismo de Lugo consiste en devolverlle os espazos á veciñanza: o Goberno elimina o tapón urbanístico da Avda. da Coruña

Noticias relacionadas