O Impulso Verde mellorará a súa eficiencia enerxética coa instalación de novos módulos fotovoltaicos capaces de xerar maior potencia

A Xunta de Goberno Local aprobou esta medida que permitirá incrementar as prestacións iniciais do proxecto, sen supoñer un aumento dos custes.

Na actualidade estase a traballar no remate dos cerramentos exteriores do edificio, e nas instalacións interiores, como a do ascensor ou a do sistema de calefacción.

Xoves, 26 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde mellorará a súa eficiencia enerxética coa instalación de novos módulos fotovoltaicos capaces de xerar maior potencia

O executivo de Lara Méndez aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada esta semana a mellora da eficiencia enerxética do edificio Impulso Verde, que se está a executar na Garaballa, coa instalación dun novo módulo fotovoltaico composto por 24 unidades de paneis e un módulo de célula partida (Tecnoloxía Half Cell) que suporán unha mellora da potencia xerada e de rendemento con respecto ás especificacións iniciais do proxecto, sen supoñer un incremento dos custes.

A construcción do Impulso Verde enmárcase no proxecto LIFE Lugo + Biodinámico posto en marcha pola alcaldesa e cofinanciado pola Unión Europea. Será o primeiro edificio público da comunidade construído con madeira de Galicia e a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se deseña en España dende cero, co obxectivo de por en marcha unha estratexia innovadora de planificación urbana sostible e adaptada as consecuencias e efectos do cambio climático.

Avance das obras

Na actualidade estase a traballar no remate dos cerramentos exteriores do edificio, tanto da súa fachada  trasventilada de lousa, procedente de canteiras do Barco de Valdeorras,  como na súa cuberta, realizándose mediante bandexas de aluminio lacado, alzadas sobre clip de aceiro recuberto de poliuretano, tentando minimizar en cuberta a existencia de pontes térmicas, con interposición de tres capas de illamento térmico de La de Roca.

En canto a cuberta quede preparada, realizarase a instalación dos paneis de células  fotovoltaicas para xerar electricidade procedente da radiación solar, ou a instalación da central meteorolóxica, o pararaios ou a liña de vida, todo iso igualmente sobre a cuberta.

Doutra banda, estanse a executar determinadas instalacións interiores, como a do propio ascensor, ou a do sistema de calefacción, composto por unha caldeira de biomasa alimentada a través dunha tolva para combustible en forma de pellets ou acha de madeira.

Ademais estanse completando en cuberta, a instalación dun lucernario lonxitudinal de carpintería de vidro e aluminio, que inclúe dúas xanelas abatibles que se poderán abrir de forma inalámbrica e parcialmente para xerar ventilación cruzada no interior do edificio en combinación coa ventilación da galería sur, e igualmente os casetóns do sistema de ventilación interior do edificio, como o resto de ventilacións necesarias, como poden ser as dos aseos ou as do oco vertical do ascensor.

 

Noticias relacionadas