O Impulso Verde intensifica, xa antes de abrir ao público, o seu labor divulgativo como referente construtivo e de sostibilidade

O edificio, internacionalmente recoñecido, acolleu hoxe a vista do alumnado do IES coruñés Rosalía de Castro que inclúe na súa formación curricular o estudo do inmoble como exemplo de eficiencia e aproveitamento forestal.

Venres, 04 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde intensifica, xa antes de abrir ao público, o seu labor divulgativo como referente construtivo e de sostibilidade

O Impulso Verde continúa exercendo o seu labor divulgativo, antes incluso de ser inaugurado e de abrir as súas portas ao público como edificio municipal.

Esta mañá o alumnado de Formación Profesional de Carpintería de Madeira do IES Rosalía de Mera de A Coruña visitaba o inmoble, dentro da súa actividade lectiva e debido ao interese que lles suscitou a edificación como referente de sostibilidade e dos novos modelos construtivos. O estudantado puido así coñecer in situ o proxecto sobre o que xa están a traballar nas aulas mesmo coa elaboración dunha maqueta.

O Impulso Verde cumpre así, antes de tempo, coa súa función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Lara Méndez, dentro da transformación que está a impulsar para Lugo. De maneira que, ao abeiro da estratexia LIFE Lugo + Biodinámico, o inmoble - pioneiro por ter unha eficiencia enerxética do 75% e estar construído integramente con madeira lucense – está sendo clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

Para esta tarefa, contará cunha parte expositiva na que se dará conta do que representa en todos os ámbitos da sostibilidade. Un espazo no que tamén estarán presentes o resto de iniciativas activadas no marco deste programa europeo, moi valoradas no seu conxunto, tanto a nivel nacional como internacional, por tratarse de accións replicables a outras cidades de tamaño medio e polas súas capacidades para trasladar coñecemento. Tal é a súa proxección que, de feito, nestes momentos o edificio – aínda sen concluír definitivamente, ten xa unha axenda propia de visitas de colectivos profesionais, institutos, axencias, institucións, universidades e outras administracións, etc.

O Impulso Verde compatibilizará este cometido como unha nova sede de coworking local, con zona de reunións, para as empresas vinculadas coa bioeconomía e a economía circular en consonancia coa diversificación industrial que está a promover o Executivo de Lara Méndez. Ubicado nunha superficie en expansión da capital, é o xerme do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España.

O LIFE Lugo + Biodinámico desenvólvese con fondos da Unión Europea a través do Programa LIFE. Impulsado e cofinanciado polo Concello lucense, conta tamén con financiamento da Deputación de Lugo e co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, desde o Campus Terra de Lugo, e da Universidade Politécnica de Madrid.

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobbre os usos do Impulso Verde | Descargar mp3

Multimedia

  • O Impulso Verde intensifica, xa antes de abrir ao público, o seu labor divulgativo como referente construtivo e de sostibilidade
  • O Impulso Verde intensifica, xa antes de abrir ao público, o seu labor divulgativo como referente construtivo e de sostibilidade
  • O Impulso Verde intensifica, xa antes de abrir ao público, o seu labor divulgativo como referente construtivo e de sostibilidade

Noticias relacionadas